O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, participa no encontro territorial do Plan Conecta FP, que se celebra no Centro Integrado de FP Fontecarmoa, en Vilagarcía

A Xunta analiza cos empresarios do Salnés as posibilidades da FP para dar resposta o tecido produtivo da comarca a través do Plan Conecta

Preto de 1.600 alumnos estudan algún dos 49 programas e ciclos que se imparten nestes concellos

O representante da Xunta destaca a importancia da colaboración do mundo produtivo no crecente interese e demanda social destas ensinanzas

“Non se trata só de ofertar prazas, senón de facelo definíndoas e conectándoas coas demandas das empresas e coas necesidades de cada comarca”, afirma o conselleiro

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 3 de maio de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades Román Rodríguez, participou esta mañá no encontro territorial do Plan Conecta FP para a comarca do Salnés, onde na actualidade cursan estas ensinanzas un total de 1.559 alumnos. Son un total de nove os centros que imparten un total de 49 programas e ciclos formativos nos concellos de Vilagarcía, Illa de Arousa, Cambados, O Grove e Sanxenxo.

Na xuntanza, na que participaron representantes do sector produtivo, con especial participación de autónomos e pemes, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou a importancia da colaboración directa do mundo empresarial no crecente interese e demanda social da FP, “que nesta comarca se traduce nun 31% máis de matriculados na última década”.

“Acadar unha FP da máxima calidade e coa maior empregabilidade é un traballo conxunto –explicou–, para o que estamos contacto coas empresas a través destes encontros do Plan Conecta FP”. “Non se trata só de ofertar prazas, senón de facelo definindo e conectando os ciclos coas demandas de profesionais das empresas e coas necesidades de cada comarca”, incidiu. Neste sentido, sinalou o prestixio, a confianza e a utilidade como “os tres indicadores que miden o éxito da FP. Unhas ensinanzas que son xa a primeira opción educativa para moitos mozos, que ven nelas unha porta de entrada ao emprego e ao mundo laboral”, destacou.

Competitividade e empregabilidade

O celebrado esta mañá no CIFP Fontecarmoa é un dos 14 encontros territoriais que a Xunta está a organizar dentro do Plan Conecta FP, dotado con 30,7 M€, ademais doutros cinco encontros sectoriais. A partir de cada un deles crearanse outros 19 grupos de traballo que identificarán as necesidades actuais e futuras das empresas, analizarán as posibles transformacións produtivas e a súa implicación nos novos perfís profesionais relacionados con empregos futuros. Da análise de cada un dos grupos xurdirán plans de acción de formación especializada para cada ámbito profesional e territorial, que conformarán o Plan Conecta FP Galicia para deseñar e planificar a oferta destas ensinanzas á medida do tecido produtivo galego e de cada zona.

O obxectivo deste plan é formar profesionais cualificados que dean maior e mellor resposta ás necesidades das empresas favorezan a súa competitividade, así como a confianza da industria na FP. Isto redundará, ademais, nunha maior empregabilidade da poboación nova.

Xunto co conselleiro, interviñeron na apertura da xornada o presidente da Federación Comarcal de empresarios de Arousa, Jose Luis Vilanova Peña. Tras o acto de apertura, a xornada continuou co relatorio A Formación Profesional como vía de capacitación a cargo da directora xeral, Eugenia Pérez. Ao longo do día desenvólvense dúas mesas de traballo sobre a importancia da acreditación de competencias e a formación dos traballadores no mercado laboral e arredor das posibilidades de colaboración entre a FP e as empresas da contorna produtiva. Nelas participaron tanto representantes de centros educativos como de empresas.

En total prevese que participen nestas reunións máis de 10.000 empresas, entre as que se atopan as colaboradoras na formación do alumnado de FP, así como compañías referentes dos sectores significativos. Serán convidadas aos encontros máis de 400 asociacións, clústeres ou entidades vinculadas co sector produtivo, a totalidade das administracións implicadas (consellerías, axencias, fundacións, administracións locais...) e participarán máis de 300 centros educativos que imparten ensinanzas de FP.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2023