Arrancan as xornadas sobre inclusión da Escola Galega do Deporte con 55 participantes de 38 federacións

Serán catro módulos sobre o deporte como vehículo integrador, o papel do adestrador na inclusión, as etapas de desenvolvemento dos nenos e nenas e os valores do deporte inclusivo

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Escola Galega do Deporte da Secretaría Xeral para o Deporte vén de dar comezo á xornada formativa gratuíta para persoal vinculado coas federacións deportivas galegas sobre deporte inclusivo titulada: ‘Formación do persoal técnico deportivo para a inclusión das persoas deportistas con diversidade funcional’. A xornada é presencial con 20 horas de duración e se desenvolve en 4 módulos en horario de 16,30 a 20,30 horas. O enfoque será teórico e práctico, con visualización de contido divulgativo, presentación de proxectos no ámbito da inclusión deportiva, posta en común de casos e resolución de dúbidas. Este martes tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública, o primeiro módulo que tratou da diversidade funcional e do deporte como vehículo integrador no que participaron 55 persoas de 38 federacións deportivas.

O módulo dedicado ao papel do adestrador na inclusión deportiva terá lugar o vindeiro mércores, 10 de maio, no Servizo Provincial de Deportes de Vigo e o luns, 15 de maio, no Servizo Provincial de Deportes de A Coruña. O terceiro módulo, etapas do desenvolvemento dos nenos e nenas e como aproveitalas para a inclusión deportiva, levarase a cabo o mércores 24 de maio na Coruña e o mércores 31 de maio en Vigo. O ciclo rematará o vindeiro luns, 5 de xuño, de novo na EGAP, co módulo que tratará os valores e contravalores do deporte inclusivo.

O coordinador da xornada é Marcos Vilasánchez, licenciado en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e mestrado en Psicoloxía da Actividade Física e o Deporte. Cómpre salientar a participación nas xornadas de relatores como Juan Carlos Navarro Molinelli, adestrador e responsable do proxecto de Rubgy inclusivo do CRAT e responsable do rugby inclusivo da federación galega. Do mesmo xeito, compartiranse testemuñas de deportistas paralímpicos galegos e nacionais. As xornadas contan co apoio da plataforma educacional creada en 2018 #JuntosInvulnerables destinada á formación en valores inherentes en deporte dos nenos e nenas.

O obxectivo da xornada é a capacitación do persoal federativo en actuacións de promoción da igualdade de oportunidades e condicións entre persoas con diversidade funcional no ámbito do deporte, actuacións consideradas estratéxicas para o crecemento do deporte galego, e presentes tamén nas políticas da Administración deportiva autonómica e nos Fondos Europeos (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/05/2023