A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou esta tarde o centro de día Xestal, en Monfero, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros

O programa de Respiro familiar da Xunta inclúe por vez primeira a atención en centros de día

Este programa permite ofrecer apoio e descanso aos coidadores habituais

Monfero (A Coruña), 2 de maio de 2023 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, lembrou que a nova orde do programa Respiro familiar da Xunta de Galicia inclúe por vez primeira a atención en centros de día. Fixo estas declaracións durante unha visita esta tarde ao centro de día Xestal, en Monfero, na que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

O Diario Oficial de Galicia publicou esta nova orde o pasado 18 de abril. A conselleira apuntou que, ademais desta novidade, este programa seguirá ofrecendo axudas para sufragar estadías temporais en residencias por un importe máximo de 1500 euros e tamén para contratar un coidador a domicilio con prestacións que acadan un máximo de 1000 euros. O obxectivo é ofrecer apoio e descanso aos coidadores habituais mediante o uso dun destes servizos temporais.

Con esta orde, cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 30 de outubro, tamén se poderá optar a axudas de ata 1000 euros para recibir atención nalgún dos centros de día da Comunidade. Os servizos que se xustifiquen para recibir as axudas deberán ter lugar entre o 1 de xaneiro de 2023 ata o 30 de novembro deste ano.

Perfil dos usuarios

Poderase acceder á axuda sempre que a persoa ou persoas que atende sexan residentes na Comunidade. Ademais, a persoa á que atende deberá ter recoñecido un grao II ou III de dependencia, unha discapacidade en grado igual ou superior ao 75 % ou ben ter acreditado mediante informe médico e social a necesidade axuda de terceiros para actividades da vida diaria. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/05/2023