A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou esta mañá as instalacións abertas nas Somozas este mesmo ano

Martina Aneiros informa de que o prazo para solicitar as axudas para a posta en marcha de casas do maior está aberto ata o 22 de maio

Estes servizos poden habilitarse en municipios con menos de 5.000 habitantes que non dispoñan de centro de día ou servizo similar. Nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal cumpren estes requisitos Neda, A Capela, Cerdido, Cabanas, Cariño e Mañón

As Somozas (A Coruña), 2 de maio de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde das Somozas, Juan Tembrás, visitou esta mañá a casa do maior da localidade que abriu as portas este mesmo ano nun inmoble cedido polo Concello.

Durante a visita, Aneiros informou de que a Consellería de Política Social e Xuventude ten aberto ata o 22 de maio o prazo de solicitude das axudas para a posta en marcha de casas do maior en municipios de menos de 5.000 habitantes que non dispoñan de centro de día ou dun servizo similar. Nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, cumpren estes requisitos os municipios de Neda, A Capela, Cerdido, Cabanas, Cariño e Mañón.

O orzamento destinado a este convocatoria é de 1,9 M€, 1,5 M€ para o funcionamento diario dos centros e 450.000 euros para a súa adecuación. Unha das novidades da orde deste ano é o incremento da subvención que reciben as promotoras das casas por asumir os desprazamentos das persoas maiores usuarias. Así, duplícase a aportación económica que pasa dos 5 euros por persoa e día aos 10 euros.

As casas do maior son servizos de atención diurna totalmente gratuítos para os usuarios nos que se prestan coidados a un máximo de 5 persoas maiores de 60 anos ata oito horas diarias de luns a venres. Esta atención ofrécese con flexibilidade horaria e favorecendo a permanencia das persoas en situación de dependencia no seu contorno. Actualmente en Ferrolterra operan dúas casas do maior, en Moeche e As Somozas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/05/2023