A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, abordou hoxe co alcalde da Estrada, José López, o novo paso administrativo para dar continuidade á infraestrutura actual

A Xunta licita por 32,3 M€ as obras do primeiro treito da prolongación da autovía AG-59, entre Santiago de Compostela e A Estrada

O contrato prevé a construción de 3,5 km de autovía libre de peaxe desde A Ramallosa ata o enlace coa AC-241, en Pontevea, de xeito paralelo á estrada AC-841

O novo treito contará con dous enlaces, un deles resultado da reforma do existente na Ramallosa, e outro de nova execución, sobre a AC-241, en Pontevea

Disporanse 6 novas estruturas: o viaduto de Santa Lucía, 3 pasos inferiores e 2 pasos superiores

Está previsto comezar as obras no outono e avanzar paralelamente proxecto de construción do seguinte treito, entre Pontevea e O Rollo, no municipio da Estrada

A Estrada (Pontevedra), 2 de maio de 2023 A Xunta licitou hoxe por máis de 32,3 M€ as obras da prolongación do primeiro treito da autovía AG-59, entre Santiago de Compostela e A Estrada.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo un encontro de traballo hoxe co alcalde da Estrada, José López Campos, na Casa do Concello no que abordaron o novo paso administrativo para dar continuidade á autovía nun total de 3,5 km de lonxitude libre de peaxe. 

Tal e como trasladou Vázquez Mourelle no transcurso da xuntanza, o Consello da Xunta autorizou xa a contratación do primeiro treito da prolongación da AG-59, entre A Ramallosa e Pontevea, e hoxe mesmo a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle a licitación da obra dos máis de 3,5 km de lonxitude que conforman este primeiro treito. 

As empresas interesadas neste contrato, licitado por un importe superior aos 32,35 M€, teñen de prazo ata o vindeiro 6 de xuño para presentar as súas ofertas.

O prazo de execución dos traballos é de 20 meses. A previsión da Xunta é adxudicar as obras no verán co obxectivo de poder inicialas no outono deste mesmo ano e, de xeito paralelo, seguir a traballar no proxecto de construción das obras da segunda fase de prolongación da autovía, que serán 4 km máis entre Pontevea e O Rollo, xa no municipio da Estrada. 

Os traballos recollidos no contrato licitado hoxe céntranse no primeiro treito, que irá desde A Ramallosa ata o enlace coa AC-241, en Pontevea, e construirase de xeito paralelo á estrada AC-841, atravesando o municipio de Teo.  

A súa lonxitude acadará algo máis de 3,5 km e contará con dous enlaces: adecuándose o xa existente na Ramallosa coa estrada AC-841, e outro de nova construción, sobre a estrada AC-241, ao final do treito e rematando nunha glorieta de 20 m de radio sobre a propia estrada autonómica.  

Tamén se inclúen 6 novas estruturas: o viaduto de Santa Lucía de 150 m de lonxitude, 3 pasos inferiores e 2 pasos superiores (un en cada enlace). Ademais prevense ao longo do trazado variantes das estradas actuais e camiños de servizo. 

O segundo treito proxectado, cun investimento estimado de 34 M€, unirá o enlace da AC-241, en Pontevea, coa PO-841, chegando ata O Rollo, xa no concello da Estrada, tamén de xeito paralelo á estrada autonómica.  

A súa lonxitude superará os 4 km, cun enlace consistente na construción dunha glorieta a nivel sobre a estrada PO-841, situada no final do treito.  

Incluirá, ademais, 9 novas estruturas: 2 viadutos -un sobre o río Ulla e outro sobre o río Vea-, 4 pasos inferiores, 1 paso superior e 2 muros. 

O proxecto de prolongación da autovía AG-59, entre Santiago de Compostela e o municipio estradense ten como obxectivo aumentar a capacidade do itinerario entre A Ramallosa e A Estrada e mellorar a seguridade viaria cunha autovía de 4 carrís, calzadas separadas e os máis altos estándares de calidade.  

O obxectivo desta actuación é facilitar a comunicación e a vertebración territorial entre Santiago e a comarca de Tabeirós-Terra de Montes, reducindo a 10 minutos os tempos de viaxe entre A Estrada e a capital de Galicia.

A infraestrutura busca, tamén, incrementar a competitividade do municipio da Estrada, sede de importantes institucións como a Academia Galega de Seguridade Pública, do Centro Integrado de Emerxencias 112 e do 061, e cunha grande actividade económica e empresarial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/05/2023