A Xunta inicia a construción da pasarela na estrada AC-934 sobre a presa da lagoa de Sobrado, no Camiño do Norte, cun investimento de máis de 310.000 €

A estrutura voada execútase nun treito de 155 metros co fin de resolver a mobilidade peonil segura

A pasarela disporase ancorada á estrada a través dos ocos que hai entre os peitorís de pedra da vía

O Executivo autonómico prevé ter rematados estes traballos entre finais deste mes de maio e comezos do vindeiro mes de xuño

A actuación foi acordada coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza e coa Sociedade Galega de Historia Natural ao estar na zona da lagoa

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2023 A Xunta acaba de comezar a execución dunha pasarela na estrada AC-934, sobre a presa da lagoa de Sobrado dos Monxes, no Camiño do Norte, cun investimento de máis de 310.000 €.

O obxectivo é construír unha pasarela nun treito de 155 metros co fin de resolver a mobilidade a pé nese punto, xa que os peóns non dispoñen de espazo axeitado para desprazarse con seguridade, tendo que empregar a propia vía, que non dispón de beiravías.

Executarase unha pasarela con estrutura prefabricada, ancorada á estrada a través dos ocos que hai entre os peitorís de pedra da vía.

O Executivo autonómico prevé ter rematados estes traballos entre finais deste mes de maio e comezos do vindeiro mes de xuño. 

Esta actuación foi acordada coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza e coa Sociedade Galega de Historia Natural, ao estar na zona da lagoa. Así, a pasarela executarase polo lado oposto á lagoa. 

Ademais deste proxecto, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten acometido nos últimos anos diversas intervencións nas estradas autonómicas ao paso por Sobrado para reforzar a seguridade viaria nos treitos coincidentes co Camiño do Norte.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/05/2023