A Xunta lamenta non ter sido convidada ao acto informativo de hoxe sobre a modernización dos regadíos da Limia cando financiou o 100 % dos pozos

O conselleiro do Medio Rural remitiulle unha carta ao presidente executivo da Sociedad Mercantil Estatal de Infraestructuras Agrarias (Seiasa) amosando o seu malestar por que na súa visita á Limia non se conte co Goberno galego
 

Na misiva, lembra que o proxecto de construción de pozos para a captación de augas subterráneas se financia integramente con fondos autonómicos e que a intención é proceder do mesmo xeito coa instalación da infraestrutura de bombeo de ditos pozos
 

José González apela á necesidade dunha colaboración leal entre as distintas administracións para afrontar proxectos tan importantes coma este, que afecta a unha superficie de 4.105 ha distribuídas en 6.964 parcelas de 3.342 propietarios
 

Insiste en que o Goberno central debe cumprir o compromiso de asumir o 80 % do investimento necesario e lembra que o IVE non deducible por parte dos regantes é un custo elixible a efectos de poder financialo cos fondos europeos asignados
 

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, vén de remitirlle unha carta ao presidente executivo da Sociedad Mercantil Estatal de Infraestructuras Agrarias (Seiasa), Francisco Rodríguez, amosando o seu malestar por non ter sido convidado ao acto previsto esta mañá para informar sobre a modernización dos regadíos da Limia cando -recalca- a Xunta financiou o 100% dos pozos de dito proxecto.

Así, o conselleiro sinala na misiva que desde a Xunta sempre se defendeu a necesidade dunha colaboración leal entre as diferentes administracións para afrontar proxectos tan importantes coma este, que beneficiará as comunidades de regantes de San Salvador de Sabucedo, Lamas-Ganade, Corno do Monte e Alta Limia -hoxe fusionadas-, que comprenden un ámbito territorial de 4.105 hectáreas distribuídas en 6.964 parcelas de 3.342 propietarios. A modernización do seu regadío -matiza- supón un importante avance que inflúe no desenvolvemento socioeconómico e, en particular, no potencial do sector agrario da zona.
 
Nese sentido, José González pon de relevo o esforzo presupostario para financiar ao 100%, e con fondos integramente autonómicos, o proxecto de construción de pozos na Limia para a captación de augas subterráneas, incluíndo o IVE da actuación. E engade que a intención é proceder do mesmo xeito coa instalación da infraestrutura de bombeo de ditos pozos. Deste xeito, considera que a Xunta debera estar presente no acto de hoxe e en todo aquel relacionado coa mellora e a modernización dos regadíos da comunidade, co obxecto de continuar progresando na materia.
 

Así mesmo, o titular de Medio Rural aproveitou a carta para reclamarlle ao Goberno central que cumpra o compromiso de asumir o 80% do custo total -IVE incluído- do investimento necesario para afrontar o proxecto de modernización do regadío da Limia, tal e como se lle trasladou  desde un primeiro momento -apunta- aos presidentes das comunidades de regantes. Calquera asignación por debaixo desa porcentaxe poría en perigo a viabilidade dun proxecto que se trata da única actuación de modernización do regadío prevista en Galicia -salienta- o que xustifica, ao seu entender, o esforzo adicional no seu financiamento.

Ao tempo, José González lembra que os regantes non poden deducir o IVE das obras de modernización. Nesa dirección, recorda que dito IVE non deducible é un custo elixible a efectos de poder financialo cos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia asignados polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación para ditas obras.
 
Por último, o conselleiro solicita unha reunión co Ministerio e, a maiores, con Seiasa, co fin de afianzar a colaboración ao respecto da modernización do regadío da Limia.
 

Data de actualización: 02/05/2023