A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade clausurou hoxe a Asemblea xeral da Asociación Galega de Áridos, ARIGAL

As obras licitadas pola Xunta entre xaneiro e marzo acadaron case os 93 M€

Destacan os 53,5 M€ de obras licitadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, como a mellora de firmes nas estradas autonómicas que acadan este ano os 20 M€, ou a mellora do abastecemento da marxe dereita da ría de Arousa por 9 M€

Vázquez Mourelle refire que a Xunta se dirixiu ao Ministerio de Transportes para solicitar unha achega adicional de 28 M€ de fondos Next Generation e acometer 24 novas actuacións de mobilidade sustentable preparadas para a súa execución

Galicia cumpriu os criterios fixados polo Ministerio, tendo licitado a día 31 de marzo o 100% dos fondos de reconstrución asignados para proxectos de mobilidade sostible
 

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou hoxe na clausura da Asemblea Xeral da Asociación Galega de Árido, ARIGAL, de que, segundo o último boletín da Federación Galega da Construción,  as obras licitadas pola Xunta entre xaneiro e marzo acadaron case os 93 M€.  

Na súa intervención, Ethel Vázquez referiuse aos datos de licitación da Federación Galega de Construción correspondentes ao primeiro trimestre do ano, que sitúan á Xunta como a Administración que máis incrementou a licitación de obra pública con respecto ao mesmo período do ano anterior, cun incremento do 51,58%.  

As licitacións das Deputacións Provinciais experimentaron neste primeiro trimestre de ano un incremento de preto dun 36%, mentres que as licitacións do Goberno central rexistraron entre xaneiro e marzo un retroceso, cunha baixada do 51%. 

As obras licitadas pola Administración autonómica entre xaneiro e marzo acadaron así os 93 M€, fronte aos preto de 61 M€ do ano anterior. Destacan os 53,5 M€ de obras licitadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e os seus centros directivos, a Axencia Galega de Infraestruturas e Augas de Galicia, con licitacións de mellora de firmes nas estradas autonómicas que este ano acadarán os 20 M€ ou a mellora do abastecemento da marxe dereita da ría de Arousa, licitada por 9 M€. 

Na súa intervención, Ethel Vázquez fixo especial fincapé nas licitacións de proxectos de mobilidade sostible vinculados aos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE, para a execución de aparcadoiros disuasorios, a mellora da seguridade e da accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas ou os grandes eixes de mobilidade sostible nas principais cidades galegas. 

A este respecto, Vázquez Mourelle reiterou a postura discrepante da Xunta, desde o primeiro momento, cos criterios de reparto e as condicións impostas polo Goberno de España para a execución destes fondos, por excluír ao rural e polos estritos prazos fixados polo Ministerio de Transportes para que as comunidades acometan as obras.  

Referiu que Galicia foi das poucas comunidades que cumpriu as condicións “arbitrarias e unilaterais” fixadas polo Goberno de España, tendo licitado a día 31 de marzo o 100% dos fondos Next Generation que Galicia tiña asignados para proxectos de mobilidade sostible. 

Remarcou que a Xunta está en disposición de facer máis e contribuír a un maior aproveitamento dos fondos europeos de reconstrución, con actuacións que axuden tamén á descarbonización da mobilidade. 

 Por iso, dixo, o Goberno galego tense dirixido ao Ministerio de Transportes para solicitar unha achega adicional de 28 M€ de fondos Next Generation para acometer 24 novas actuacións de mobilidade sustentable avanzadas e preparadas para a súa execución.
 
Na súa intervención, Vázquez Mourelle sinalou o esforzo da Xunta para paliar as dificultades na construción e a obra pública, especialmente nos anos 2021 e 2022, coa habilitación dos mecanismos para que a licitación e adxudicación das obras dependentes da Xunta se realizasen nun marco estable e de confianza, afastando o risco de concursos desertos e obras públicas paradas.
 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/04/2023