A Xunta impulsa a comercialización da Artesanía de Galicia con apoios para a participación e a organización de feiras

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación acaba de publicar un programa de axudas por 265.000 euros do cal poden beneficiarse obradoiros artesanais, concellos e asociacións profesionais e empresariais do sector
 

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 29 de maio
 

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2023

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación acaba de activar mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova convocatoria do programa de axudas para impulsar a comercialización da Artesanía de Galicia, dotada con 265.000 euros e da cal poden beneficiarse os obradoiros artesanais, os concellos e as asociacións profesionais e empresariais do sector.

As axudas, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva, alcanzarán o 80% do investimento subvencionable, e o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 29 de maio. No caso dos obradoiros artesáns, poderán recibir ata 8.000 euros para a participación como expositor en feiras de interese artesanal nacionais ou internacionais. No que respecta aos concellos, os apoios poden alcanzar os 15.000 euros, e destinaranse á organización de feiras ou eventos de interese artesanal.

No que respecta ás asociacións profesionais e empresariais de artesáns, as axudas poden ser, dunha banda, para a organización de feiras de artesanía no ámbito da Comunidade Autónoma, que poden alcanzar os 18.000 euros, e por outro lado, para o mantemento da páxina web, que poden chegar aos 20.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/04/2023