A Xunta actualiza o Xeoportal de información cartográfica para optimizar o seu funcionamento e ofrecer máis recursos á cidadanía

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2023
 
A Xunta está a actualizar o Xeoportal de información cartográfica para optimizar o seu funcionamento e ofrecer máis recursos á cidadanía á hora de consultar os datos que precisen relacionados con temas de ordenación do territorio, vías de comunicación, ríos, límites administrativos, usos do solo e espazos protexidos, entre outros.
 

Deste xeito, esta actualización inclúe accesos directos ás seccións máis destacadas de maneira máis intuitiva, melloras no uso desde dispositivos móbiles grazas a un novo deseño que permite consultar o contido do portal con independencia do tamaño da pantalla desde a que se visualiza e unha maior seguridade xa que se implementaron tecnoloxías más actuais.

 

A maiores, tamén permite acceder á Cartoteca de Galicia, que permite a consulta de imaxes e mapas antigos do territorio da Comunidade a través do acceso ás coleccións do Arquivo do Reino de Galicia, de Martínez Barbeito, de Núñez de las Cuevas así como na Galiciana Biblioteca Dixital e na Carta Xeométrica Domingo Fontán.

 

Tamén inclúe o acceso ao Rexistro cartográfico de Galicia, que permitirá validar e oficializar a cartografía que elaboren outros organismos oficiais na Comunidade como concellos ou deputacións provinciais.

 
  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/05/2023