A Xunta pon en valor no País Vasco o sector forestal galego no marco do proxecto Eguralt

Trátase de impulsar a aplicación e difusión da innovación para a promoción da construción en altura con madeira no espazo Sudoe, que abarca seis rexións en España, Portugal e Francia

O director da Axencia Galega da Industria Forestal participou na clausura da iniciativa cunha presentación na que puxo de relevo os apoios para impulsar a construción en madeira
 

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2023

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou esta semana no taller final do Proxecto Eguralt, para a aplicación e difusión da innovación para a promoción da construción en altura con madeira no espazo Sudoe, que abarca seis rexións en España, Portugal e Francia.

O director participou neste taller cunha conferencia sobre liñas estratéxicas para impulsar a construción con madeira, na que resaltou o labor que realiza a Axencia. Neste sentido, destacou a promoción pública levada a cabo co actual acordo co Servizo Galego de Saúde, no que se están a modernizar diversos centros de saúde da nosa comunidade co fin de convertelos, mediante o uso de madeira, en espazos amables que favorezan o benestar.

Tamén mencionou a convocatoria de axudas referentes á promoción privada, polas que se estableceron subvencións para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais. Seguindo esta liña, puxo en valor a marca “Pino de Galicia” ou a aposta pola transición dixital da industria forestal, para a que se convocou tamén unha liña específica.

Por último, destacou a Guía técnica de solucións innovadoras en madeira estrutural na arquitectura galega actual, elaborada no marco dun convenio asinado en 2019, coa Plataforma de Enxeñería de Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), para a posta en valor de especies forestais de crecemento en Galicia e a promoción da madeira na construción.

Cómpre sinalar que o proxecto europeo Eguralt conta con oito entidades beneficiarias dentro do espazo Sudoe para contribuír ao reto global de loitar contra o cambio climático a través da promoción do uso de materias naturais provenientes de fontes sustentables e renovables. O proxecto está financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/05/2023