O Issga promove oito obradoiros gratuítos para a prevención de riscos no coidado a persoas dependentes

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral incide nesta actividade altamente feminizada que adoita desenvolverse en domicilios particulares

A Xunta seleccionou oito concellos con alta porcentaxe de poboación envellecida para prestar esta formación: Burela (Lugo), Silleda (Pontevedra), Sarreaus (Ourense), Ferrol, Outes (A Coruña), Tomiño (Pontevedra), O Incio (Lugo) e A Peroxa (Ourense)

A formación de 16 horas incide nos riscos ergonómicos, biolóxicos e psicosociais
 

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2023

A Xunta, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), oferta ata o próximo mes de novembro, oito obradoiros gratuítos de 16 horas para fomentar o traballo seguro entre o persoal traballador de atención directa a persoas con dependencia e axuda no fogar.

Tras concluír a primeira acción en Burela esta semana, celebraranse cursos en Silleda (Pontevedra) desde o 4 de maio; en Sarreaus (Ourense), o 6 de maio; en Ferrol, a partires do 26 de maio; en Outes (A Coruña) desde o 27 de maio; en Tomiño (Pontevedra) e no Incio (Lugo) con comezo programado para setembro; e na Peroxa (Ourense), no mes de outubro.

A formación insírese no Plan de actuación do Issga para o ano 2023 e estrutúrase en catro xornadas nas que se imparten 16 horas de formación teórico-práctica para o colectivo. Trátase de promover o coñecemento para un traballo seguro tanto na atención directa de persoas con dependencia como para o traballo de axuda a domicilio, algo que repercutirá, especifica o Issga, tamén no benestar da persoa que recibe a atención.

O persoal que traballa no coidado de persoas dependentes presenta de xeito habitual trastornos de índole musculoesquelética. Ofrecer alternativas ao levantamento manual dos usuarios, en termos de axudas técnicas, formación e adecuación de espazos, é un dos obxectivos máis importantes deste programa de prevención.

A axuda no fogar a persoas dependentes adoita a realizarse sobre todo por mulleres en domicilios particulares, polo que as actuacións deben ter en conta esta particularidade e  mellorar as condicións de seguridade e saúde laboral destas traballadoras.

Na selección dos concellos beneficiarios da formación do Issga nas catro provincias, tívose en conta que se tratase de áreas cunha elevada taxa de persoas maiores respecto á poboación total. Entre as destinatarias da formación, teñen preferencia as persoas con vinculación laboral ou formación na materia, e no caso de que existan vacantes, o resto de persoal con interese.

A documentación técnica utilizada nestas actividades foi elaborada polo Issga e recolle os principais riscos ergonómicos, biolóxicos e psicosociais no coidado de persoas con dependencia, así como as correspondentes recomendacións preventivas para eliminalos ou reducilos, fomentando as boas prácticas e a implantación de medidas preventivas eficaces para facer prevención e evitar danos para a saúde.

Na web do ISSGA pódese acceder á toda a información así como aos formularios de inscrición para estas actividades formativas.

Data de actualización: 30/04/2023