A Xunta recibe 7 ofertas para executar as obras do eixe de mobilidade sostible na estrada PO-546 no treito urbano de Marín, que suporán un investimento de máis de 1,1 M€

Trátase de dar continuidade á humanización desta vía e intervir entre as rúas da Estrada e da Roda e nas rúas Concepción Arenal e da Ponte

Mediante este contrato avanzarase na transformación integral da PO-546, tras terse xa executado a humanización da rúa Concepción Arenal entre a rotonda das Anclas e rúa Real de Cantodarea

Os traballos consistirán na execución de beirarrúas cun ancho mínimo de 2 metros, na reposición de firmes e na dotación de pasos de peóns sobreelevados

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2023 A Xunta recibiu 7 ofertas de empresas para executar as obras do eixe de mobilidade sostible na estrada autonómica PO-546 no treito urbano de Marín, que suporán un investimento de máis de 1,1 M€.

Esta intervención de humanización enmárcase no proxecto de transformación que se está a acometer nesta vía, como a obra xa executada de humanización da rúa Concepción Arenal, entre a rotonda das Anclas e rúa Real de Cantodarea.

Coa obra obxecto deste novo contrato darase continuidade e completaranse os treitos xa humanizados da antiga travesía da PO-546.  

Deste xeito, proponse actuar en tres treitos urbanos de Marín: 129 metros da beirarrúa da rúa Concepción Arenal, entre as rúas da Estrada e da Roda; 360 metros da rúa Concepción Arenal, entre a rúa da Estrada e a rotonda das Áncoras; e 204 metros da rúa da Ponte, é dicir, en toda a súa lonxitude. 

Os traballos consistirán na execución de beirarrúas cun mínimo de 2 metros de ancho, sempre que sexa posible, no fresado e reposición de firmes e na execución de pasos de peóns sobreelevados. Nos pasos de peóns e nos extremos executaranse vaos peonís con pavimento podotáctil co fin de facilitar a accesibilidade. 

A actuación tamén inclúe a disposición de novo alumeado e a reposición da sinalización e balizamento, así como a colocación de novos sumidoiros e a reposición dos servizos afectados.

Esta intervención forma parte dos proxectos impulsados pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas.

Data de actualización: 01/05/2023