A Xunta recibe 4 ofertas para a execución da nova rotonda na intersección da OU-540 coa autovía A-52, en Barbadás, que suporá un investimento de 485.000 €

Actuarase na intersección en “T” da vía autonómica co ramal de acceso á autovía das Rías Baixas, que está funcionando de maneira provisional como glorieta, acadándose unha mellora importante na seguridade viaria nesa contorna

A intervención, cun prazo de execución de 4 meses, habilitará unha glorieta na intersección no punto 4+200 da OU-540 e renovará a capa de rodaxe na contorna

Adecuarase a sinalización horizontal e vertical á nova solución e habilitaranse gabias de seguridade para retirar os sistemas de contención existente actualmente
 

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2023

A Xunta recibiu 4 ofertas de empresas para executar a nova rotonda na intersección da estrada OU-540, no seu punto quilométrico 4.2 coa autovía A-52, no concello de Barbadás, que suporá un investimento de 485.000 euros.

Esta intervención permitirá actuar na actual intersección en “T” da vía autonómica co ramal de acceso á autovía das Rías Baixas, que xa está funcionando de maneira provisional como glorieta, acadándose unha mellora importante na seguridade viaria nesta entorna.

As actuacións, que contan cun prazo de execución de 4 meses, centraranse na transformación desa intersección situada no punto 4+200 da OU-540 nunha glorieta, que se complementará coa renovación da capa de rodaxe e as marcas viarias entre os quilómetros 2+995 e o 4+750.

No proxecto inclúese tamén a adecuación da sinalización horizontal e vertical á nova solución e a transformación de varias gabias profundas en gabias de seguridade para poder retirar os sistemas de contención existente neses tramos.

As intervencións obxecto deste contrato non implican a realización de expropiación algunha, xa que todas as obras están incluídas dentro da franxa de dominio público.

Data de actualización: 30/04/2023