A Xunta analiza co sector pesqueiro e organismos científicos as necesidades das rías galegas no eido da investigación

Vigo, 28 de abril de 2023 A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, inaugurou hoxe en Vigo a primeira das xuntanzas previstas nos vindeiros meses dos grupos de traballo da Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos de Galicia. Estes encontros, organizados pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores en colaboración coa Xunta, teñen como obxectivo analizar as problemáticas específicas de cada unha das rías e zonas costeiras de Galicia en relación coa situación dos recursos marisqueiros e ver posibles liñas de investigación.

O encontro de hoxe servirá para que os técnicos aborden o contexto actual da ría de Vigo e, nas vindeiras semanas, farase o propio nas de Muros-Noia-Costa da Morte, Pontevedra, Arousa, Ferrol e A Mariña-Ortegal. Estas iniciativas dan continuidade ao traballo iniciado o pasado mes de setembro co nacemento da Rede, unha iniciativa cunha importante acollida no eido da investigación. A finalidade é acadar unha xestión marítimo-pesqueira na que estean en equilibrio os criterios medioambientais, económicos e sociais e para garantir o futuro do mar promovendo unha xestión responsable.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 28/04/2023