Expertos de Galicia e Portugal debaterán sobre o futuro do río Miño e a súa contorna como destino turístico nun seminario do Proxecto Atlazul

A xornada celebrarase o vindeiro 3 de maio na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo e na súa apertura participarán a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora-xerente do Cetmar, Paloma Rueda


As persoas interesadas en inscribirse no seminario poden facelo a través da páxina web do Centro Tecnolóxico do Mar
 

Vigo, 29 de abril de 2023

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, acollerá o vindeiro 3 de maio o seminario Turismo nas augas internacionais do río Miño: reflexións cara a unha transición sostible, enmarcado no proxecto Atlazul. Nesta xornada, expertos de Galicia e Portugal, relacionados cos ámbitos da Administración, da universidade e de diferentes asociacións e entidades vencelladas coa pesca e o turismo, debaterán sobre o futuro turístico desta zona fluvial e sobre a busca dun modelo ecolóxico e sostible que conviva coas actividades tradicionais.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, será a encargada de abrir a xornada nun acto no que estará acompañada pola directora-xerente do Cetmar, Paloma Rueda, e que prevé iniciarse ás 09,30 horas. As persoas interesadas en inscribirse no seminario poden facelo a través deste enlace da web do Cetmar, onde tamén é posible consultar o programa.

O seminario, organizado pola Fundación Cetmar, pretende reflexionar sobre o tipo de turismo necesario nas augas e na contorna do río Miño, propiciando o debate sobre o papel da cooperación transfronteiriza neste ámbito, a pesca como oportunidade de desenvolvemento dun turismo responsable ou os servizos turísticos a pequena escala.

Isto tendo en conta que o río Miño é un motor da economía  na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que se afianzou nos últimos anos como un destino turístico prioritario e recoñecido tanto a nivel nacional como internacional e que dispón de variadas iniciativas turísticas cada vez máis demandadas. De aí que con esta iniciativa se busque reflexionar sobre modelos de turismo responsable que xere novas oportunidades para a poboación local.

 
 
Proxecto Atlazul

O proxecto Atlazul está financiado polo programa Interreg de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal e nel participan 11 entidades españolas e sete portuguesas co fin de optimizar as sinerxías entre os distintos sectores da economía azul e a creación de novas oportunidades para o investimento empresarial e a mellora da competitividade das empresas involucradas nos ámbitos da pesca, a acuicultura, o turismo costeiro e a biotecnoloxía.

Esta iniciativa fai posible a transmisión de coñecementos no campo da captación e tratamento da información mariña e a identificación do potencial crecemento azul en cada unha das catro rexións participantes: Galicia, Andalucía e o Algarve e Alentejo en Portugal.

Data de actualización: 29/04/2023