Lorenzana insta ao Estado a transferir os fondos de recuperación non executados para apoiar o emprego xuvenil e formar persoas en sectores estratéxicos

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asistiu no Ministerio de Traballo á xuntanza da 83ª Conferencia sectorial de emprego e asuntos laborais

Reivindicou o alto grao de execución de Galicia dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) que a sitúa en posición de vantaxe respecto do Estado e douras comunidades autónomas

A Xunta está a avogar pola cualificación e recualificación das persoas traballadoras en sectores declarados prioritarios, para dar resposta á necesidade de man de obra que precisa o tecido produtivo autonómico
 

Madrid, 28 de abril de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, solicitou hoxe do Estado que transfira ás comunidades autónomas os fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) mobilizados pola UE, e non executados polo Goberno central, que Galicia aproveitará para políticas de emprego xuvenil, de impulso do emprendemento e de formación do capital humano en sectores estratéxicos. A representante da Xunta participou hoxe na  83ª Conferencia sectorial de emprego e asuntos laborais, xunto con representantes do Ministerio de Traballo e das comunidades autónomas.

Segundo trasladou na xuntanza a titular de Promoción do Emprego, Galicia presenta un alto grao de execución dos fondos MRR en relación con outros gobernos autonómicos e do propio Estado. “As comunidades temos demostrado que somos capaces de executar os fondos”, reivindicou. No caso de Galicia, dixo, estes cartos poderían destinarse a reforzar tres liñas autonómicas: a política de emprego mozo; o emprendemento; e a formación de persoas en sectores estratéxicos, a través da colaboración co tecido produtivo representado polos clústeres.

A Xunta de Galicia declarou de carácter prioritario a cualificación e recualificación da poboación activa en once sectores económicos para atender a demanda de traballo do tecido produtivo. O Primario e a función loxística naval sumáronse recentemente á lista de áreas prioritarias para a formación -automóbil, metalmecánico, enerxías renovables, tecnoloxía da información e comunicación (TIC), construción, comercio, hidróxeno e minaría- ás que a Xunta destinará máis de 3,3 millóns a través de convenios de colaboración para dar resposta ás vacantes laborais en Galicia. A actuación permitirá a formación de máis de 7.500 persoas desempregadas e ocupadas a través duns 285 cursos.

Todos estes sectores están a ter un carácter relevante na transición verde e dixital pola que se está a apostar no actual contexto socioeconómico. A formación nestes ámbitos é un compromiso da Xunta de Galicia por dotar ás persoas desempregadas e ocupadas das competencias precisas que aumenten as súas oportunidades de traballo.

A conferencia sectorial de hoxe foi a última da Lexislatura para moitas comunidades -todas menos as cinco que non celebran comicios autonómicos o próximo 28 de maio, entre as que se encontra Galicia-. Lorenzana, que acudiu á xuntanza celebrada no Ministerio de Traballo e Economía Social de xeito presencial, lamentou a ausencia da vicepresidenta segunda e titular deste departamento, Yolanda Díaz, a pesares de ter axenda programada nas dependencias ministeriais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/04/2023