A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou en Cangas as instalacións dunha empresa dedicada ao cultivo, cocción e envasado de mexillón

A Xunta salienta a excelencia de Pescados Marcelino na produción artesanal de mexillón ecolóxico

Esta empresa familiar canguesa cultiva arredor de 2.000 toneladas anuais deste molusco e realiza unha importante aposta pola I+D+i nos procesos produtivos a prol da mellora da eficiencia enerxética e a protección do medio ambiente

Cangas (Pontevedra), 28 de abril de 2023

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe en Aldán (Cangas) as instalacións da empresa Pescados Marcelino, dedicada ao cultivo, cocción e envasado de mexillón. Alí fixo fincapé no labor artesanal e tradicional desta firma familiar que naceu en 1976 e que desenvolve unha actividade totalmente ecolóxica coa finalidade de conservar íntegros o sabor, a cor e a frescura deste molusco.

De feito, Pescados Marcelino non utiliza axentes químicos no cultivo e na elaboración desta especie e reproduce a cocción doméstica a grande escala. Para iso dispón de bateas nas que cultiva arredor de 2.000 toneladas anuais de mexillón e barcos auxiliares equipados para desenvolver a miticultura e trasladar o molusco a porto para levalo á fábrica da empresa.

Ademais Rosa Quintana, que estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, destacou a aposta desta empresa pola I+D+i nos procesos produtivos, como por exemplo no tratamento de augas a prol da mellora da eficiencia enerxética e a protección do medio ambiente. Neste ámbito salientou a participación de Pescados Marcelino en proxectos relacionados co aproveitamento da auga da cocción dos mexillóns e co estudo das biotoxinas mariñas.

En relación co proceso industrial que realiza, a titular de Mar destacou a minuciosidade no tratamento do mexillón desde que entra na fábrica ata que se obtén a vianda para ser comercializada. Ademais sinalou que cada unha das pezas son revisadas de xeito manual polas operarias da fábrica, o que reflicte a vocación artesanal desta entidade, e despois son clasificadas por tamaños.

Posteriormente, parte da produción destínase ás conserveiras ás que o mexillón vai cocido e listo para meter nas latas. Outra parte é para a produción da propia Pescados Marcelino, que comercializa o produto cocido e envasado en salmoira e no seu zume baixo as marcas Marcelino Pescados e Agarimo da Ría.

Esta aposta pola calidade e respecto á contorna levan a esta empresa a contar coas certificacións ISO 9001 e de produtor de mexillón ecolóxico a través do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 28/04/2023