A Xunta renova o convenio coa coordinadora galega de ONGD co obxectivo de mellorar e fortalecer a cooperación ao desenvolvemento

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou esta mañá o acordo coa organización que representa a case medio cento de ONGD na comunidade


A través desta colaboración, dotada con 100.000 euros, entre outras medidas, crearase un grupo específico para apoiar as necesidades das ONGD máis pequenas
 

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asinou esta mañá co presidente da Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento, Alejandro Quiñoá, o convenio de colaboración entre a Xunta e a organización para representar e fortalecer ás ONGD galegas, con especial énfase nas máis pequenas. O acordo asinado conta cun orzamento de 100.000 euros.

 

A Coordinadora Galega de ONGD agrupa actualmente a case medio cento de ONGD con presenza na comunidade galega e forma parte da Coordinadora Nacional de ONGD. Entre as actividades previstas inclúese a posta en marcha de espazos de reflexión sobre novos enfoques de cooperación, sobre todo con enfoque feminista, así como o fomento da participación das ONGD en formacións organizadas pola coordinadora estatal e con outras entidades da sociedade civil estratéxicas para os obxectivos das ONGD.

 

Ademais, con este novo acordo preténdese identificar necesidades das ONGD pequenas para crear un grupo de traballo específico e xerar canles de apoio permanente para estas organizacións de menor tamaño. Tamén se financian mediante esta colaboración campañas específicas de comunicación.

 

Nesta liña, as actividades previstas no marco do convenio son a realización de encontros, xuntanzas e traballo conxunto con outros actores estratéxicos para os obxectivos das ONGD sociais e a política galega de cooperación ao desenvolvemento, así como a  difusión de campañas específicas vinculadas coa defensa dos dereitos humanos e a loita contra as desigualdades.

 

As ONGD son entidades con coñecemento experto para promover e xestionar intervencións de desenvolvemento e teñen como unha das súas misións a de fomentar a conciencia da cidadanía e a educación para o desenvolvemento, co fin de promover valores de responsabilidade e solidariedade.

 

A Coordinadora Galega de ONGD é unha entidade fundada en 1991 que, entre as súas actuacións leva a cabo a representación institucional e o traballo en rede con outros actores galegos, estatais e estranxeiros; a formación especializada para as súas capacidades; a publicación de estudos e informes sobre cooperación ao desenvolvemento; ademais da comunicación e a sensibilización para difundir o traballo das ONGD e a defensa da cooperación ao desenvolvemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/04/2023