A Xunta subliña en Santiago o papel da artesanía como modelo de inclusión laboral para persoas con diversidade funcional

A Fundación Artesanía de Galicia colabora coa Universidade de Santiago de Compostela na xornada Educación, Artesanía e Inclusión: novos desafíos para vellas demandas que se celebra hoxe no Colexio de Fonseca


Os obradoiros de Artesanía de Galicia Artefíos (A Coruña) e A Casa Rodante (Vigo) participan nunha mesa redonda xunto co centro de educación especial López Navalón (Santiago), que conta tamén con talleres de oficios artesanais


O director do Centro de Referencia Nacional de Artesanía, Antonio Suárez, explicou o traballo que se está a realizar en Andalucía cun proxecto de Formación Dual en Artesanía Inclusiva, galardoado nos Premios Nacionais de Artesanía 2022
 

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2023

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na apertura da xornada Educación, Artesanía e Inclusión, que se desenvolve ao longo da xornada de hoxe no Colexio de Fonseca de Santiago de Compostela.

A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e o Proxecto de Aprendizaxe Servizo ApS Hermés converxen nunha iniciativa común para dar a coñecer as prácticas educativas que se desenvolven desde os centros de educación especial e desde as entidades que traballan para conseguir unha inclusión real das persoas con diversidade funcional a partir do aproveitamento dos recursos endóxenos a través da artesanía.

A primeira das charlas do evento correu a cargo de Antonio Suárez Martín, director do Centro de Referencia Nacional de Artesanía Centro Albayzín (Granada), que falou sobre artesanía, formación e inclusión en Andalucía. A entidade que dirixe resultou galardoada co Premio Promociona para Entidades Públicas nos Premios Nacionais de Artesanía 2022 polo seu Proxecto de Formación Dual en Artesanía Inclusiva que permitiu que 15 persoas con discapacidade intelectual se acreditasen en competencias artesás de nivel 1 por primeira vez en España.

Este proxecto innovador buscaba fomentar a inclusión laboral e permitiulle ás persoas participantes adquirir as capacidades a nivel persoal, social e de emprego a través da realización dunha formación acreditada en técnicas artesanais. En paralelo a este programa, o Centro Albayzín realiza tamén un labor de promoción educativa da inclusión a través do plan Diversa FP dirixido ao profesorado de Formación Profesional para a adquisición de ferramentas que melloren a xestión da diversidade na aula.  

Durante toda a xornada porase en valor a actividade profesional e social de diferentes entidades do ámbito da discapacidade e a promoción e difusión dun novo modelo de inserción laboral das persoas con diversidade funcional. O encontro conta coa participación dos obradoiros Artefíos (A Coruña) e A Casa Rodante (Vigo), ambos os dous pertencentes á marca Artesanía de Galicia, e mais o Centro de Educación Especial Manuel López Navalón (Santiago de Compostela), que conta con talleres ocupacionais de diferentes oficios artesanais.

No marco deste evento, preséntanse os traballos elaborados polo alumnado do proxecto de Aprendizaxe- Servizo (Proxecto Hermés), exporanse produtos elaborados polo estudantado dos diferentes módulos de FP do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón (cerámica, restauración, tecidos, cultivos e carpintería) e tamén hai exposición e venda das pezas artesanais elaboradas nos obradoiros de Artefíos e A Casa Rodante, que contan co selo Artesanía de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/04/2023