A Xunta recibe 7 ofertas de empresas para executar un aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido na PO-546 en Lourizán, en Pontevedra

O novo aparcadoiro, licitado por 350.000 € construirase na vía autonómica, no tramo entre o acceso ao Pazo de Lourizán e a intersección co núcleo do Rozo

Habilitaranse un total de 71 prazas, das que 2 se reservan para persoas con mobilidade reducida, complementando a actuación con alumeado público, videovixilancia ou preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos

A previsión é comezar os traballos tras o verán, cun prazo de execución de 12 meses

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2023

A Xunta recibiu 7 ofertas de empresas para executar as obras dun aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións na estrada autonómica PO-546, en Pontevedra, que suporá un investimento de preto de 350.000 €.

O novo aparcadoiro localizarase entre a vía de acceso ao Pazo de Lourizán e a intersección da estrada de conexión da PO-546 co núcleo do Rozo.

 

Máis concretamente, a nova infraestrutura situarase no tramo da estrada vella entre Marín e Pontevedra situado entre os quilómetros 2+750 e 2+950 da PO-546 e contará cunha superficie total de 2.465 m², que permitirá habilitar un total de 71 prazas de estacionamento en batería. Dúas desas prazas reservaranse para persoas con mobilidade reducida.

 

A actuación compleméntase coa dotación de alumeado público, videovixilancia, preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos e a incorporación de vexetación na contorna.

 

O aparcadoiro terá un deseño lineal de única dirección e sentido, paralelo ao viario adxacente, dispoñendo de xiros unicamente nos puntos de conexión coa estrada PO-546.

 

A previsión é comezar os traballos tras o verán, cun prazo de execución de 12 meses.

 

A situación deste aparcadoiro disuasorio considerouse idónea ao atoparse nesta vía principal de comunicación entre Pontevedra e o resto da comarca do Morrazo, facendo as funcións, tanto de carpooling, como vinculado ao transporte público.

 

Na contorna dos 300 metros do aparcadoiro existen 4 paradas de autobús que comunican Pontevedra cidade coa comarca do Morrazo, convertendo o emprazamento nun lugar de intercambio modal.

 

Esta actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Data de actualización: 28/04/2023