O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para este ano e o vindeiro 2024, reservada a autónomos e a pemes do sector

A Xunta convoca as axudas para a modernización e dixitalización das frotas de transporte de viaxeiros e de mercadorías, dotadas cun orzamento de 6 M€

Trátase de incrementar a eficiencia destas empresas e do sistema de transporte por estrada, mediante a dixitalización, a sustentabilidade, a conectividade, a renovación dos sistemas e a introdución de novas tecnoloxías no sector

Inclúense 9 categorías de solucións de modernización subvencionables, como a xestión e integración de documentos de control electrónicos, sistema de tacógrafo intelixente de segunda xeración ou a implantación de distintas tecnoloxías nos sistemas de control

Tamén se inclúen axudas aos servizos de transporte de viaxeiros, a implantación de aplicacións para reclamacións por medios electrónicos e a mellora de sistemas de ticketing

O prazo para a presentación de solicitudes comezará mañá e estará vixente ata o 30 de xuño de 2024

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, convoca as axudas para a modernización e dixitalización das frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas de servizos de transporte por estrada, dotadas cun orzamento de 6.257628 euros. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde desta convocatoria, dirixida a autónomos e pemes do sector.

A orde inclúe todas as bases polas que se rexerá o outorgamento destes incentivos, que se enmarcan nas subvencións concedidas polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana á Comunidade galega ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU para este ano e os vindeiros 2023 e 2024. Nos seguintes enlaces ao DOG pode consultarse a orde e o extracto: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230428/AnuncioG0533-190423-0001_gl.html    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230428/AnuncioG0533-200423-0002_gl.html

Mediante esta convocatoria perséguese incrementar a eficiencia destas empresas e do sistema de transporte por estrada, mediante a dixitalización, a sustentabilidade, a conectividade, a renovación dos sistemas e a introdución de novas tecnoloxías no sector.

Prevense 9 categorías de solucións de modernización subvencionables, entre as que se inclúe: xestión de documentos de control electrónicos, sistema de tacógrafo intelixente de segunda xeración, integración de documentos de control electrónicos nos sistemas de xestión, implantación de sistemas TMS/ERP ou implantación e/ou actualización de sistemas SAE.

Outras categorías obxecto de subvención que se inclúen nesta orde correspóndense con axudas aos servizos de transporte de viaxeiros, implantación de aplicacións para reclamacións por medios electrónicos e a mellora de sistemas de ticketing.

Nas bases da convocatoria recóllese tamén que os destinatarios últimos destas axudas deberán formalizar un contrato previo e un acordo de prestación de solucións de modernización coas empresas provedoras de solucións de modernización adheridas ao programa de axudas, que publicarán a súa oferta de servizos no rexistro que a tal efecto creou o Ministerio de Transportes.

Dado o carácter incentivador das axudas, só se admitirán actuacións iniciadas con posterioridade á data de rexistro da solicitude. Entenderase como data de inicio das actuacións a data da sinatura do contrato entre o destinatario último e o provedor de solucións de modernización.

Os destinatarios poderán elixir ata un máximo de 2 solucións de modernización de entre as establecidas como elixibles para o seu tamaño e tipo de actividade. Deberán, en todo caso, presentar unha solicitude independente para cada unha das solucións de modernización.

Unha vez ditada a resolución de concesión da axuda, o beneficiario recibirá un ‘cheque moderniza’, pola contía correspondente á actuación para a que solicitou a axuda. No suposto de presentar 2 solicitudes para 2 categorías diferentes, recibirá 2 ‘cheques moderniza’. O prazo máximo para a formalización dos acordos será de 3 meses desde a notificación da resolución de concesión.

Segundo recolle a convocatoria publicada hoxe no DOG, o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde mañá e ata o 30 de xuño do 2024. O procedemento de concesión das axudas será directo e as solicitudes serán atendidas por rigoroso orde de entrada ata o esgotamento dos fondos.

Estas axudas son incompatibles con outras subvencións ou axudas que puidesen concederse para os mesmos custos subvencionables, procedentes de calquera administración, entes públicos, privados, nacionais, internacionais ou da Unión Europea.

 

Data de actualización: 28/04/2023