A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático participou na conferencia final do proxecto de innovación H2020 Shelter

Galicia expón na Unesco as técnicas aplicadas no Xurés para mellorar a súa resiliencia ante o cambio climático co obxectivo de servir de modelo a outras rexións

Sagrario Pérez explica que se seleccionou este parque natural pola súa variedade de flora e fauna e o seu acervo histórico e cultural para convertelo nun laboratorio aberto no que identificar os riscos que afronta e buscar solucións de adaptación

Subliña o desenvolvemento de actuacións de mitigación do cambio climático, como a creación dun banco de xermoplasma que permitirá preservar especies da flora en perigo ou con interese de conservación

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2023 Galicia expuxo na sede da Unesco en Venecia as técnicas aplicadas no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés para mellorar a súa resiliencia ante o cambio climático co obxectivo de servir de modelo a outras rexións. 

Durante a conferencia final do proxecto de innovación Shelter que a Xunta desenvolveu durante os últimos 4 anos, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, enmarcou a participación de Galicia nesta iniciativa no compromiso do Goberno galego de avanzar cara a unha transición ecolóxica e socialmente xusta para acadar unha Comunidade climaticamente neutra, circular e sostible. Nesa liña, puxo en valor a oportunidade que supuxo este proxecto da Unión Europea para desenvolver e compartir coñecemento e experiencias con outros países.

Logo de lembrar que o proxecto Shelter se deseñou para adaptar o patrimonio cultural e natural ante os riscos de desastres naturais froito do cambio climático, Sagrario Pérez explicou que Galicia seleccionou o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés pola gran variedade de flora e fauna que alberga e o seu importante acervo histórico e cultural para convertelo nun “laboratorio aberto” no que identificar os riscos aos que se enfronta este espazo protexido e as posibles opcións para mitigalos.  

Accións de mitigación e adaptación no parque natural

Así, dentro das actuacións levadas a cabo, a directora xeral subliñou o desenvolvemento dun banco de xermoplasma, que consiste nunha colección de sementes e esporas que permitirá preservar especies da flora en perigo ou con interese de conservación. Xa se incorporaron case 60 especies no protocolo, que inclúe tamén a información necesaria para identificar, realizar mostraxes, preservar e introducir especies de novo na contorna. 

A maiores, desde o inicio do proxecto, identificouse a necesidade de integrar o coñecemento local, polo que se elaborou un plan de acción con asociacións e entidades locais, como, por exemplo, as comunidades de montes, para actuacións de mellora e recuperación de hábitats. 

De feito, nesa liña, levouse a cabo a actuación denominada Conservación, recuperación e posta en valor dos hábitats de Rebolar de Corvelle, que é unha masa forestal representativa galego-portuguesa composta por carballos e cerquiños. Os traballos de roza e poda realizáronse co obxectivo de conservar e axilizar a transición do hábitat cara a unha etapa máis madura ademais de favorecer a expansión deste hábitat en substitución das matogueiras que se localizaban na súa contorna.

Finalmente, a directora xeral explicou as actuacións organizadas para promover unha maior divulgación e sensibilización ambiental da cidadanía. Entre o 10 e o 22 de marzo máis de 350 estudantes pertencentes a unha decena de centros educativos coñeceron o valor patrimonial e ambiental deste parque.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2023