A Xunta habilita un novo aparcadoiro de 38 prazas en Teis no marco da humanización da avenida de Galicia de Vigo

A optimización do espazo permitiu habilitar 5 prazas máis das inicialmente previstas, máis outras 3 para persoas con mobilidade reducida

O aparcadoiro ponse en servizo de modo provisional, xa que os accesos non son os definitivos

Esta intervención forma parte da 1ª fase de acondicionamento da PO-323 entre a intersección coa avenida da Mariña Española e o Instituto de Teis, ampliando as beirarrúas e mellorando a accesibilidade cun investimento de 2,5 M€

Santiago de Compostela, 27 de abril 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de habilitar de xeito provisional un novo aparcadoiro en Teis, no marco das obras da 1ª fase de humanización da avenida de Galicia de Vigo, que supoñen un investimento autonómico de preto de 2,5 M€.

A intervención comezou coa execución deste aparcadoiro co fin de dispoñer o antes posible desta infraestrutura. A optimización do espazo permitiu habilitar 35 prazas, 5 máis da inicialmente previstas, máis outras 3 para persoas con mobilidade reducida.

Os accesos ao aparcadoiro, nunha parcela contigua ao IES de Teis, son provisionais, polo que soamente se pintarán en amarelo nesta 1ª fase as prazas de turismos.

Este aparcadoiro forma parte dunha intervención máis ampla, de adecuación da PO-323 entre o cruce coa avenida Mariña Española e o IES de Teis para reforzar o calmado de tráfico e a protección de peóns neste viario de características moi urbanas.

A intervención comprende a mellora e ampliación das beirarrúas en ambas as marxes do treito de actuación, de modo que sexan máis continuas e accesibles, así como a execución dunha glorieta na intersección entre a avenida de Galicia (PO-323) e a avenida da Mariña Española, pola que se accede á ETEA.

As intervencións inclúen a recolocación das marquesiñas, a instalación dunha varanda modular e a reposición do muro de peche existente, co fin de mellorar visualmente a integración da actuación na zona do Camiño Portugués.

A Xunta impulsa esta actuación ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneration-EU.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2023