A Xunta publica a convocatoria das axudas a concellos para a rehabilitación de vivendas de titularidade municipal e infravivendas por preto de 2,2 M€

As solicitudes poderán presentarse a partir de mañá, venres 28 de abril, e ata o 1 de xuño de 2023

As subvencións poden acadar ata o 95 % do custo das actuacións en ambos casos

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2023

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das axudas destinadas a concellos para a rehabilitación de edificación e vivendas de titularidade municipal para destinar a alugueiro e actuacións en infravivendas por un importe total de 2,2 millóns de euros.

 

Estas subvencións, cuxas solicitudes poderán presentarse a partir de mañá, venres 28 de abril, e ata o 1 de xuño de 2023, poden acadar ata o 95 % do custo das intervencións subvencionables.

 

O programa de rehabilitación de vivendas de titularidade municipal está dirixido a facilitar aos concellos a creación dun parque público residencial destinado ao alugueiro social, ao tempo que se fomenta a rehabilitación de vivendas xa existentes.

 

Poden acceder a estas axudas, que contan cun orzamento de máis de 1,9 millóns de euros, os municipios de menos de 20.000 habitantes nos que existan demandantes de vivenda inscritos no Rexistro que xestiona o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

 

Unha vez rehabilitadas, as vivendas destinaranse, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con ingresos de menos de 2,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples —ata 21.000 euros anuais— durante un prazo non inferior a 20 anos.

 

A axuda é do 95 % do custo da actuación, co límite de 50.000 euros por vivenda, que se pode incrementar ata 55.000 euros se as vivendas están emprazadas en ámbitos históricos ou dos Camiños de Santiago.

 

Infravivenda

O programa de infravivenda xestionado polo IGVS prevé axudas para a rehabilitación con fins residenciais de inmobles que non reúnen uns requisitos mínimos de habitabilidade e que estean emprazados en concellos de menos de 10.000 habitantes. Neste caso, poderán ser propiedade dos seus moradores ou do concello, pero en ambos casos a axuda debe solicitala o Goberno municipal.

 

Os requisitos para solicitar esta axuda son que os ocupantes das vivendas acrediten uns ingresos que non superen 1 vez o Iprem —8.400 euros anuais— e que a vivenda rehabilitada se destine a solucionar os problemas de infravivenda durante un período non inferior a 5 anos.

 

A subvención será tamén do 95 % do custo da rehabilitación, cun límite máximo de 15.000 euros por vivenda. Os concellos poderán solicitar estas axudas ata o esgotamento da partida orzamentaria da convocatoria, dotada para 2023 con máis de 265.000 euros.

Data de actualización: 27/04/2023