A Xunta destinará 11 M€ ao complemento autonómico do Bono Social Térmico para axudar a 74.400 fogares nas facturas da enerxía
“Trátase dun acordo importante para seguir garantindo a protección dos cidadáns máis vulnerables e que máis precisan a axuda da Administración”, defende o mandatario galego sobre este complemento para facer fronte ao aumento do prezo da enerxía no consumo para calefacción, cociña e auga quente
As familias non teñen que facer ningún trámite e recibirán o ingreso nas súas contas de maneira automática
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, salientou o visto e prace dado hoxe polo Consello da Xunta ao pagamento do bono social térmico e do complemento autonómico de 150 euros que axudará a 74.400 fogares galegos —44.000 deles considerados vulnerables severos— co pagamento das facturas da enerxía para calefacción, cociña e auga quente. Deste xeito, o Executivo autonómico destina 11,2 millóns de euros a este complemento.