Xunta e Alar Galicia conciencian sobre a prevención do suicidio e das condutas adictivas entre nenos e mozos

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participaron na apertura dunhas xornadas que reúnen a expertos de diferentes ámbitos para aportar a súa experiencia neste eido

Lugo, 27 de abril de 2023 A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle hoxe e mañá as primeiras Xornadas de Prevención e Sensibilización do Suicidio e Novas Adiccións na Xuventude, organizadas por Alar Galicia.

A secretaria xeral da Igualdade da Xunta, Susana López Abella, e o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participaron na apertura destas sesións, que congregan a expertos de diferentes ámbitos -saúde mental, forzas e corpos de seguridade, deporte ... - co fin de que acheguen a súa experiencia neste eido. Arredor de 120 persoas asisten ás charlas.

López Abella explicou que a Confederación de Saúde Mental de España no seu informe de 2018 xa advertía que a causa do 25% dos intentos de suicidios en mulleres estaba na violencia de xénero. Por iso, destacou a importancia de seguir reforzando e ampliando os recursos dirixidos a axudar ás vítimas de violencia machista e de concienciar á sociedade sobre esta problemática desde idades temperás.

Neste senso, puxo en valor o proxecto Fénix que financia a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, xa que se centra na realización de medidas de prevención e intervención integral con menores agresores de violencia de xénero.

O programa aborda aspectos fundamentais para a recuperación destes menores con actuacións encamiñadas a educar no recoñecemento emocional e a súa xestión; promover a modificación das crenzas e pensamentos que se empregan para xustificar as condutas agresivas a través de técnicas de reestruturación cognitiva; realizar xogos de roles para fomentar a empatía de cara á familia; introducir melloras no funcionamento psicolóxico dos participantes; e traballar na prevención do suicidio e as adiccións neste colectivo social.

Pola súa banda, Arias subliñou o incremento das mortes por suicidio nos últimos anos e a importancia de que o Goberno galego desenvolva, en colaboración con asociacións como Alar Galicia, programas de prevención e de atención ás persoas afectadas. Neste senso fixo fincapé no proxecto Voitheia, que traballa con persoas con tendencias suicidas e cos grupos máis próximos.

O delegado tamén apuntou que o Goberno galego seguirá colaborando de forma transversal co tecido asociativo e coa implicación directa das consellerías Emprego e Igualdade; Política Social; Cultura, Educación e Universidades e coa Consellería de Sanidade, directamente involucrada no tratamento e a prevención das condutas suicidas, coa entrada en funcionamento das unidades de atención profesional a persoas en risco de suicidio e tamén coa apertura dos hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil.

Programa das xornadas

A sesión de hoxe aborda a conduta suicida como problema social e de saúde. Durante a mañá, varios especialistas analizan o Plan Galego contra o Suicidio, a prevención deste a través do deporte a cal é a situación actual en relación con esta problemática.

A sesión de mañá venres centrarase nas novas adiccións. A partir das 10.30 horas diversos expertos analizarán o impacto e prevención destas condutas na xuventude. Intervirán o xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Fernando Jesús Alonso; o psicólogo do Equipo Plan Director da Garda Civil de Lugo Héctor Méndez; o formador en adiccións e ciberseguridade deste mesmo equipo Ramón Peña Pérez; e a médica da Unidade de Condutas Adictivas de Lugo Gabriela Klepsh. Os coloquios serán moderados por psicólogas de Alar Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2023