A Xunta de Galicia destaca a polivalencia de Expourense, un espazo comprometido cos sectores estratéxicos da provincia e co deporte

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Ourense na presentación da Memoria de actividades 2022 destas instalacións

Ourense, 27 de abril de 2023 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá na presentación da Memoria de actividades 2022 de Expourense. Nela destacou a polivalencia deste espazo comprometido cos sectores estratéxicos da provincia de Ourense e co deporte.

Na súa intervención, Conde puxo en valor a vocación internacional de Expourense grazas a citas consolidadas como Funergal ou Xantar e especialmente Termatalia, que este ano exhibirá en Uruguai o potencial deste sector do que Galicia é primeira potencia en España e segunda en Europa. Tal e como explicou, o termalismo é un sinal de identidade e un sector Marca Galicia que hai que seguir impulsando.

Conde tamén se referiu ao compromiso deste espazo co tecido empresarial e co deporte, pois conta cunha das tres pistas cubertas de España, un pavillón que tamén é unha cancha polideportiva para a celebración de campionatos de hóckey sala ou bádminton. Tamén lembrou o importante papel de Expourense como centro de vacinación durante a pandemia.

A Xunta considera que a alta velocidade é un plus que Galicia debe saber aproveitar para que Expourense siga captando públicos diversos, novos mercados e novos eventos económicos, culturais e deportivos a nivel nacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2023