A Xunta amplía ata o 29 de maio do prazo para a solicitude das axudas para actuacións de eficiencia enerxética nos aloxamentos turísticos

Estas axudas, dotadas de 7,8 millón, están destinadas a hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues turísticos e apartamentos turísticos
 

Teñen como obxectivo seguir fomentando un turismo sostible e a favor do medio ambiente
 

Santiago de Compostela,  27 de abril de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova ampliación do prazo para a presentación de solicitudes para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, ata o vindeiro 29 de maio. As axudas acadan os 7,8 millóns de euros e teñen como obxectivo seguir fomentando un turismo sostible e a favor do medio ambiente.

As axudas están  destinadas as pequenas e medianas empresas que sexan propietarias de edificios destinados a aloxamento turístico, no que están incluídos hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues turísticos e apartamentos turísticos.
 
As actuacións deberán contar cunha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30 % respecto á situación de partida e coa mellora da cualificación enerxética total do edificio en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono. Os beneficiarios terán un ano para executar as obras dende a resolución positiva da concesión das axudas.
 
Así, os aloxamentos turísticos galegos poderán levar a cabo actuacións como a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica; a mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; incluída a instalación de redes de calor e frío alimentadas por fontes de enerxía renovable e/ou calor residual para complexos turísticos de varios edificios; así como a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.
 
Tendo en conta a dificultade técnica da presentación dos proxectos subvencionables, ampliouse o prazo de presentación de solicitudes establecido na convocatoria ata o 29 de maio de 2023. Concorren motivos que aconsellan unha nova ampliación do prazo inicialmente establecido para a presentación das solicitudes correspondentes ás subvencións reguladas mediante a Resolución do 25 de novembro de 2022, como consecuencia das dificultades experimentadas polas persoas beneficiarias interesadas para presentaren a documentación exixida no artigo 8 das bases reguladoras.

Data de actualización: 27/04/2023