O programa Nin+Nin-Iguais da Xunta chega ao IES da Terra Chá onde escolares mantiveron unha xuntanza coa catedrática de veterinaria Patrocinio Morrondo

Castro de Rei (Lugo), 27 de abril de 2023.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Castro de Rei nun dos encontros do programa Nin+Nin+Iguais co que a Xunta está a percorrer centros educativos de Galicia para poñer en contacto ás e os escolares con mulleres referentes que destacan en sectores tradicionalmente masculinizados.  

Nesta ocasión, preto de 50 alumnas e alumnos de 3º de Educación Secundaria do IES da terra Chá José Trapero Pardo mantiveron un encontro con Patrocinio Morrondo, catedrática de veterinaria da Universidade de Santiago e docente da área de sanidade animal na facultade de Lugo.

López Abella destacou que con esta iniciativa, o Goberno galego busca potenciar a educación en igualdade das persoas desde idades temperás para que poidan desenvolver a súa vocación sen atender a prexuízos ou estereotipos. Puxo en valor, ademais, o III Programa Muller e Ciencia 2022-2025 que ten vixente a Xunta que, cun orzamento que acada os 45 millóns de euros, avoga por reter o talento feminino de Galicia e situalo como motor do desenvolvemento tecnolóxico, económico, social e sostible.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2023