Lorenzana sinala a importancia de fomentar as vocacións tecnolóxicas entre as rapazas desde idades temperás para que elixan os estudos “sen prexuízos”

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe por videoconferencia na apertura da xornada organizada polo Centro de Supercomputación de Galicia con motivo do Día Internacional das Rapazas nas TIC

Destacou a responsabilidade das institucións públicas de formar ás novas xeracións nos coñecementos científicos e técnicos, a base de moitas profesións de futuro

A nova Lei de igualdade, que entrará en tramitación parlamentaria nas vindeiras semanas, fai especial mención á necesidade e á obriga de promover a vocación en carreiras infrarrepresentadas

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe por videoconferencia na apertura da xornada organizada polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) para conmemorar o Día Internacional das Rapazas nas TIC, que se celebra hoxe, un acto no que salientou a importancia de fomentar as vocacións tecnolóxicas; en concreto as carreiras coñecidas como STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) entre as mulleres e desde idades temperás para que poidan elixir as súas carreiras profesionais “sen estereotipos, sen prexuízos e sen presións”.

En palabras da conselleira, é obriga das institucións públicas e da sociedade en xeral romper estereotipos, proporcionar acceso á tecnoloxía e recursos, ofrecer oportunidades de aprendizaxe e fomentar a participación en grupos e comunidades que se centran nas TIC. “Para alcanzar a paridade de xénero é preciso fomentar as vocacións tecnolóxicas entre as mozas para que consideredes iniciar unha carreira en profesións dixitais que teñen unha gran demanda”, apuntou.

Lorenzana indicou en que os coñecementos científicos e técnicos son a base de moitas das profesionais actuais e, sobre todo, das profesións futuras, polo que incidiu na responsabilidade e obriga de formar ás novas xeracións nestas materias. Neste senso, lembrou que a futura Lei de igualdade, que comezará a súa tramitación parlamentaria nas vindeiras semanas, fai especial mención á necesidade de fomentar a vocación das mulleres en carreiras infrarrepresentadas, buscando, ademais, que todas as accións integren a perspectiva de xénero e a interseccionalidade.

Data de actualización: 27/04/2023