A Xunta apoia con preto de 1,4 M€ os programas de 52 entidades de iniciativa social dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución destas axudas do Goberno galego coas que se financian, entre outros, actuacións de orientación, atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación intercultural e/ou familiar, de orientación laboral ou para a adquisición de habilidades persoais e sociais

As beneficiarias dos programas son, entre outras, vítimas da violencia de xénero, de explotación sexual, laboral ou de trata, inmigrantes, refuxiadas ou reclusas

A contía máxima que percibe cada entidade de iniciativa social sen ánimo de lucro é de 40.000 euros
 

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas dirixidas a financiar programas de entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a posta en marcha de programas específicos dirixidos en exclusiva a mulleres en situación de especial vulnerabilidade: vítimas de violencia de xénero, de explotación sexual-laboral, inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas, pertencentes a unha minoría ou reclusas, entre outras.

En total, investiranse preto de 1,4 millóns de euros para apoiar 52 entidades. A contía máxima da axuda para as entidades beneficiarias é como tope máximo os 40.000 euros.

Esta iniciativa financia, en concreto, programas que inclúan a posta a disposición de recursos integrais específicos para mulleres en situación de especial vulnerabilidade xestantes ou lactantes -con fillos ou fillas menores de tres anos- dirixidos a promover o seu desenvolvemento persoal, familiar e laboral e a súa autonomía económica e afectiva.

Apóianse tamén iniciativas de atención personalizada e especializada para as mulleres pertencentes aos colectivos vulnerables que contemplen actuacións personalizadas como atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación, adquisición de habilidades persoais e sociais ou apoio e orientación laboral.

As actuacións que se apoian a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade teñen en conta o diferencial feminino e o fomento da igualdade de oportunidades como elemento básico da atención especializada, co obxecto de que as destinatarias últimas poidan mellorar as súas expectativas persoais, sociais e laborais. De feito, unha das metas principais da medida é, ademais da atención personalizada a este colectivo, a mellora da súa empregabilidade.

Data de actualización: 27/04/2023