A conselleira do Mar respondeu no Parlamento dúas preguntas relacionadas coa extracción de semente de mexillón nos bancos naturais

A Xunta traballa nunha nova norma para optimizar a extracción da mexilla cun plan de xestión como ferramenta fundamental

O obxectivo desa normativa é dar resposta aos cambios rexistrados na actividade nos últimos anos e atender os do futuro inmediato adecuando os tempos de recollida da cría ao seu estado e localización

A nova regulación buscará simplificar tamén os trámites inherentes ao sector bateeiro e avanzar na dixitalización de moitos dos procesos, o que contribuirá a mellorar a trazabilidade do recurso en beneficio de toda a cadea de valor

Rosa Quintana salienta que o deseño dese plan de xestión é a mellor fórmula para avanzar na cogobernanza co sector na explotación deste recurso mariño, ao igual que acontece con outras especies pesqueiras ou marisqueiras

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2023

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe no Parlamento que a Xunta está a traballar no deseño dunha nova normativa tanto para regular a extracción de semente de mexillón -mexilla- nos bancos naturais como para a súa captación e produción. Esa norma, engadiu, buscará dar resposta aos cambios rexistrados na actividade nos últimos anos e atender os do futuro inmediato establecendo un plan de xestión deste recurso, unha ferramenta fundamental para optimizar e flexibilizar a recollida de cría das rochas.

A titular de Mar respondeu dúas preguntas sobre a extracción de mexilla no litoral de Galicia incidindo en que esa planificación permitirá adecuar os tempos de recollida ao estado e localización do recurso protexendo as zonas nas que aínda non é apta para levar ás bateas e abrindo aquelas nas que o seu tamaño permite adiantar a recolección.

O obxectivo é tamén simplificar os trámites inherentes á actividade do sector bateeiro e avanzar na dixitalización de moitos dos procesos, o que contribuirá a mellorar a trazabilidade do recurso en beneficio de toda a cadea de produción, transformación e comercialización do mexillón.

A representante do Executivo galego salientou que o deseño dese plan de xestión da mexilla require da participación aberta e activa dos produtores de mexillón entendendo que é a mellor fórmula para avanzar na cogobernanza na explotación deste recurso mariño, ao igual que acontece con outras especies pesqueiras ou marisqueiras.

Por iso, proximamente a Consellería do Mar proporá ao sector mexilloeiro a elaboración dun plan de xestión. O obxectivo é crear un grupo de traballo científico-técnico para abordar as demandas e necesidades das organizacións de produtores e incluílas nesa folla de ruta que posteriormente revisará e aprobará a Xunta de Galicia.  

A conselleira subliñou que a finalidade da Administración debe ser a adopción de medidas para resolver os problemas a curto prazo, pero tamén os que existen a medio e longo prazo. Iso, dixo, é o que se está a facer coa mexilla, abordando as dificultades pola escaseza actual de recurso e traballando ao mesmo tempo para reducir no futuro a dependencia da extracción no medio natural.

Neste sentido, Rosa Quintana lembrou que o seu departamento ten en marcha, entre outros, proxectos para avanzar na produción de semente en criadeiro, para mellorar a información sobre a presenza de larvas de mexillón no medio ou para optimizar a súa captación. Ao mesmo tempo a Xunta está a flexibilizar as medidas aplicables ás cordas colectoras, ampliando o seu número e lonxitude e ofrecendo ao sector a posibilidade de empregar para esta función bateas que agora mesmo están sen empregar.  

Diálogo permanente

A conselleira do Mar asegurou que a vía para resolver o problema actual na extracción da mexilla é o diálogo e reiterou a vontade total da Xunta de avanzar neste eido con todas as partes implicadas. Neste sentido, apelou á necesidade de que os representantes do sector poñan da súa parte e se senten á mesa sen apriorismos para poder acadar consensos e solucións satisfactorias para o longo prazo.

A representante do Executivo galego mostrou a súa confianza en que se poden dar pasos adiante en beneficio do sector apostando pola transparencia e pola coherencia se todos os actores implicados traballan xuntos nese obxectivo. Nesa liña, insistiu en que o compromiso da Xunta co diálogo é máximo desde o primeiro momento así como coa busca de propostas que garantan a correcta explotación dos recursos.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 26/04/2023