Fernández-Tapias anuncia a redacción do proxecto de 18 vivendas de promoción pública en San Paio de Navia

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo avanza a adxudicación do contrato por un importe de 177.870 euros

O adxudicatario das vivendas disporá dun prazo de catro meses para a redacción dos proxectos básico e de execución

A representante autonómica lembrou que o Goberno galego ten previsto construír 409 novas vivendas de promoción pública en Navia destinadas a alugueiro social

Vigo, 26 de abril de 2023 A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández, anunciou a adxudicación do contrato para a redacción do proxecto e dirección de obra para a construción de 18 vivendas de promoción pública, por un importe de 177.870 euros.

Segundo indicou a representante autonómica, o adxudicatario disporá dun prazo de mes e medio para a redacción do proxecto básico e de dous meses e medio máis para a redacción do proxecto de execución. Os prazos contaranse a partir da data de sinatura do contrato.

Fernández-Tapias lembrou que o Goberno galego ten previsto construír un total de 409 novas vivendas de promoción pública en Navia destinadas a alugueiro social coas que reforzará o actual parque público residencial da cidade, integrado por 578 VPP adxudicadas xa en réxime de arrendamento, con prezos reducidos.

A delegada da Xunta indicou que, ademais do parque público de vivenda que mantén o IGVS en Vigo e as promocións que ten previsto construír entre 2023 e 2026, o organismo autonómico acaba de adquirir un total de 18 novas vivendas na cidade, que eran propiedade de Sareb e Abanca, e que están adxudicadas en réxime de alugueiro social.

Data de actualización: 26/04/2023