O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, respondeu hoxe a unha interpelación do BNG sobre o sector eólico no Parlamento

A Xunta avoga por aproveitar a oportunidade da transición enerxética para promover un desenvolvemento eólico compatible co medio natural e que xere efectos económicos positivos

O Goberno galego vén de conceder a autorización administrativa previa e de construción de 75 proxectos eólicos, convertendo Galicia na primeira Comunidade que o logra para proxectos vinculados ao fito do 25 de xaneiro

A Administración autonómica segue dando pasos para que os galegos e galegas queden cunha parte relevante dos beneficios deste tipo de instalacións e impulsa a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais

Galicia debe ser un actor principal neste proceso de transición, polo que é necesario sentar as bases dunha industria verde e innovadora, centrándose en revitalizar o tecido industrial da man dun uso racional, compatible e sostible dos recursos
 

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, respondeu esta mañá no Parlamento galego a unha interpelación do BNG sobre o sector eólico. Defendeu que a Xunta avoga por aproveitar a oportunidade da transición enerxética para promover un desenvolvemento eólico que xere efectos positivos en termos económicos, de emprego, de emisións e de redución da dependencia enerxética e que, á vez, sexa compatible co medio natural, a protección do patrimonio cultural e coa actividade do sector primario. En definitiva, unha planificación ordenada, que achegue seguridade xurídica e que se realice desde unha tramitación rigorosa.

Neste sentido, Conde informou de que a Xunta vén de conceder a autorización administrativa previa e de construción de 75 proxectos eólicos que suman 1958 MW, co que Galicia se converte na primeira Comunidade autónoma que o logra para os proxectos vinculados ao fito do 25 de xaneiro.

En concreto, tras avaliar polo miúdo os proxectos que obtiveron Declaración de Impacto Ambiental positiva, denegouse a autorización dun parque e en 24 obrigouse aos promotores a reducir a potencia con respecto ao proxecto inicial para que se axustasen aos requirimentos técnicos, medioambientais e patrimoniais necesarios. Tendo en conta que 43 parques eólicos obtiveron DIA negativa en xaneiro, dos 119 parques para os que xa se completou a tramitación, seguen adiante o 63% de parques.

A Administración autonómica está a exixir unha avaliación ambiental ordinaria, a máis rigorosa para conseguir unha DIA, con participación pública e que ten en conta o estudo de sinerxías para avaliar os parques máis próximos e as infraestruturas de evacuación.

Así o Goberno galego segue dando pasos para que os galegos e galegas queden cunha parte relevante dos beneficios deste tipo de instalacións. Ao canon eólico, á vinculación da tramitación de proxectos eólicos á sinatura de contratos de compravenda de enerxía a longo prazo para cubrir as necesidades enerxéticas industriais, e ao establecemento da prioridade aos parques eólicos que repercutan un 2,5% dos beneficios nas localidades nas que se asentan, súmase agora o impulso da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.

Trátase dun marco normativo pioneiro e innovador que nacerá do diálogo e o consenso e que, entre outras medidas, pretende que as declaracións de impacto ambiental avalíen os efectos sociais e económicos dos proxectos. Isto permitirá determinar en que iniciativas terá a oportunidade de estar presente a sociedade mixta que se prevé crear con outros axentes públicos e privados.

A clave é que parte dos beneficios polo aproveitamento dos recursos naturais teñan un impacto directo positivo na sociedade galega, especialmente nas zonas máis implicadas neste proceso de transición enerxética. Ademais, estudarase a fórmula para crear un canon que grave as liñas de evacuación da eólica mariña cando toquen terra, cuxa recadación se dedicará ás mesmas finalidades medioambientais que o gravame á eólica terrestre.

Conde amosou o seu convencemento de que Galicia debe ser un actor principal neste proceso de transición e que é necesario sentar as bases dunha industria verde e innovadora, polo que a Xunta centrará os seus esforzos en revitalizar o tecido industrial da man dun uso racional, compatible e sostible dos recursos.

Data de actualización: 26/04/2023