O delegado territorial da Xunta en Ourense recibe ao novo presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras

Ourense, 26 de abril de 2023 O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, recibiu esta mañá en audiencia ao novo presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos, quen lle manifestou o interese do territorio amparado valdeorrés por manter as liñas de colaboración co Goberno autonómico na promoción exterior conxunta dos viños galegos.

Pola súa banda, Gabriel Alén trasladoulle o compromiso da Xunta de seguir a traballar a prol do sector e lembrou a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que persegue consolidar os nosos viños nos mercados nacional e internacional e potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios onde se producen.

Así mesmo -reiteroulle o delegado territorial- que o grande obxectivo da Estratexia é mellorar o posicionamento dos viños galegos, aumentar a súa competitividade en mercados nacionais e internacionais e transformar, de aquí a 2026, a capacidade de xeración de valor dos territorios nos que se produce.

Por último, Gabriel Alén, desexoulle moita sorte e éxitos na súa responsabilidade ao fronte do Consello Regulador da D.O. Valdeorras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/04/2023