A Xunta avanza na elaboración da futura Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo da man dos axentes sociais

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou en Madrid nunha xornada sobre a estratexia estatal de seguridade e saúde laboral, onde destacou a contribución de Galicia a ese documento como representante das CCAA

Avogou por políticas de prevención que contribúan á saúde das persoas traballadoras e nos sectores altamente feminizados

Madrid, 26 de abril de 2023 A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe nunha xornada sobre a Estrategia Española de Seguridad y Salud en el Trabajo 2023-2027 que coincidindo coa conmemoración o próximo 28 de abril do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo foi organizada polo Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) e a Organización Internacional do Traballo (OIT) para España. Mancha puxo en valor o papel de Galicia -a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga)- na representación, xunto con Cantabria, do resto das comunidades autónomas na elaboración desde documento que a Xunta está a tomar como punto de partida na configuración da estratexia autonómica.

A representante da Xunta avanzou que este 2023 adquire especial relevancia para a comunidade galega, que avanza na elaboración e negociación cos axentes sociais da vindeira estratexia autonómica de seguridade e saúde no traballo “que marcará as pautas a seguir a medio prazo en Galicia, ata 2027,  para a mellora das condicións de traballo e a conseguinte redución da sinistralidade, nun momento de transformación do mundo do traballo e no contexto do marco estratéxico da UE e do Estado”.

Acadar un novo marco de referencia que oriente as políticas públicas de prevención de riscos laborais e lograr contornas de traballo seguras e saudables -que contribúan positivamente á saúde das persoas traballadoras e ao progreso das empresas e da sociedade- foron algunhas das ideas subliñadas por Mancha en relación ao novo marco.

Como representante das comunidades autónomas puxo en valor as aportacións realizadas pola comunidade galega á estratexia estatal como a demanda dunha investigación máis profunda dos accidentes non traumáticos, dun reforzo na detección dos riscos de sectores feminizados ou a  necesaria visión da saúde integral.

Mancha reivindicou a necesidade de “promover a saúde no traballo mediante proxectos definidos con rigor e seriedade, que situarán o benestar laboral como manifestación da saúde integra”.  

No mesmo sentido, destacou os avances xa realizados na comunidade galega para mellorar a calidade dos servizos de prevención, facendo que os propios sectores creen servizos mancomunados de prevención, se está a impulsar en Galicia en sectores primarios como a pesca e o forestal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/04/2023