A Xunta aborda coas entidades da Rede contra a trata a acreditación das mulleres vítimas

Este recoñecemento administrativo con validez en todo o Estado garantirá o acceso das mulleres vítimas de trata e/ou explotación sexual a servizos e recursos asistenciais

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe nunha xuntanza coas entidades da Rede contra a Trata, na que abordaron os mecanismos para contar na comunidade cun sistema de acreditación administrativa da condición de vítima de trata de seres humanos e/ou de explotación sexual para garantir o acceso a estas mulleres a recursos en todo o Estado.

Galicia está a avanzar no cumprimento do acordo acadado pola Conferencia Sectorial de Igualdad do pasado maio con motivo das medidas urxentes artelladas polo Goberno central en resposta ás consecuencias sociais da guerra de Ucraína, para consensuar entre as comunidades autónomas procedementos e pautas para acadar esta acreditación.

“Estamos a traballar no deseño dun modelo de acreditación que outorgue ás mulleres vítimas de trata ou explotación sexual acceso a servizos e recursos asistenciais”, especificou López Abella.

A Xunta de Galicia mantén un firme compromiso coa loita contra esta lacra e no apoio ás súas vítimas. Desde 2022, a comunidade conta co I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual dotado con máis de 7 millóns. O Plan rexerá ata 2024 as accións e políticas para a sensibilización en torno á trata con fins de explotación sexual, o consumo de prostitución e outras formas de explotación sexual; co obxectivo de mellorar a detección, identificación e protección das vítimas, e a consolidación dos recursos de atención integral.

O Goberno galego xa iniciou a execución das medidas dese I Plan galego da man das entidades que conforman a Rede contra a Trata  -un total de doce asociacións- coas que se deseñou o seu contido.

López Abella subliñou o papel “referente” de Galicia na materia, ao ter fortalecidos os recursos para as vítimas e incidir na erradicación. Lembrou que Galicia recoñece a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual como violencia de xénero e, desde este ano, considerará como vítimas de violencia de xénero ás de explotación sexual, polo que poderán acceder ás axudas económicas e recursos de apoio xurídico, psicolóxico, social e para a inserción laboral destinadas a elas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/04/2023