A Xunta promove o espírito emprendedor desde o polo de ourense centro e sur que presta asesoramento a 36 concellos da contorna

Verín (Ourense), 26 de abril de 2023

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, interveu hoxe na presentación da xornada Conectando o polo coas empresas da contorna, retos para o emprendemento, organizada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Polo de emprendemento e apoio ao emprego Ourense Centro e Sur que con sede en Verín presta asesoramento a 36 concellos da contorna.

A sesión, para identificar novas ideas de negocio con empresas e promover o espírito emprendedor no territorio, caracterizouse por ser creativa, xa que se aplicou a técnica Design Thinking para promover a participación das persoas participantes na xornada. Deste xeito, a través desta dinámica áxil, resolvéronse retos concretos con cinco empresas do territorio dos sectores agroalimentario, turístico, distribución e hostalaría.

Ardao sinalou que o Polo Ourense Centro e Sur, con sede en Verín, presta na actualidade asesoramento a 31 proxectos empresariais: 20 atópanse en etapa emerxente; tres na fase Explorar; cinco na etapa Executar; e os outros tres en Expandir. En palabras da directora xeral, os polos están a situar a Galicia “en posición de vantaxe” ao poñerse cerca dos actores económicos e guialos na busca de nichos de mercado ou necesidades nas áreas nas que queren implantarse.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/04/2023