A Xunta aborda as novidades normativas en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas a través dunha xornada na AGASP

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na inauguración dun encontro no que se distribuíu unha guía explicativa que recolle os aspectos fundamentais de todo regulamento vixente sobre esta temática


O Goberno galego rematou o desenvolvemento da Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia aprobada en 2017 coa aprobación dun decreto do pasado decembro
 

A Estrada (Pontevedra), 26 de abril de 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na inauguración na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), da xornada sobre a normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, no marco da cal se distribuíu unha guía explicativa que recolle os aspectos fundamentais de toda a regulación vixente neste ámbito, co obxectivo de ofrecer toda a información necesaria aos colectivos implicados.

 

De feito, a xornada de hoxe vai dirixida ao persoal ao servizo da Administración local encargado de tramitar as licenzas e declaracións responsables para o desenvolvemento de espectáculos públicos e actividades recreativas; así como aos profesionais que se encargan da supervisión ou inspección das actividades deste tipo que se celebren no seu termo municipal.

 

Santiago Villanueva enmarcou os cambios normativos no obxectivo de darlles resposta ás reivindicacións dos sectores implicados que teñen manifestado a necesidade dunha regulación pioneira, que pola súa especificidade, non tiña encaixe nunha norma de rango legal. O proceso comezou coa aprobación en 2017 da Lei de espectáculos e actividades recreativas de Galicia, unha normativa que se converteu na primeira -segundo explicou o director xeral de Emerxencias e Interior- que ofrece unha regulación xenérica, global e actualizada nesta materia enchendo o baleiro normativo autonómico existente.

 

Esta lei supuxo un importante desenvolvemento normativo posterior. Así, en 2018   creouse a Comisión de espectáculos e actividades recreativas de Galicia con presenza das asociacións máis representativas dos sectores dos espectáculos públicos, verbenas, ocio, hostalería, e de asociacións da veciñanza e das persoas consumidoras e usuarias.

 

Ao ano seguinte aprobouse o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público, actualizando as tipoloxías do anterior, de 2004. Do mesmo xeito, publicouse en outubro de 2020 a orde que determina o horario xeral de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas da comunidade.

 

Tamén en 2020 se puxo en marcha o decreto que regula o procedemento da autorización da celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas que se leven a cabo en máis dun termo municipal dando resposta a un baleiro normativo para os eventos baixo estas denominacións. Ademais, en marzo do ano pasado aprobouse o proxecto de decreto que regula a actividade de control de acceso aos espectáculos públicos e a actividades recreativas, sempre que dispoñan deste servizo.

 

Coa publicación o pasado decembro do decreto polo que se regula o desenvolvemento da Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia culminouse a tramitación da normativa.

 
Autoprotección, autorizacións e montaxes

Na xornada de hoxe abórdanse temáticas como a normativa en materia de plans de autoprotección en espectáculos públicos, o réxime de autorización destas actividades en zonas de dominio público portuario, ademais dos requisitos esixidos na montaxe das instalacións portátiles e desmontables. Participan responsables da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta xunto con representantes do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA).  

 

A guía, que tamén se distribuíu na xornada de hoxe, recolle aspectos como os dereitos e obrigas de artistas, do público asistente e dos organizadores. O documento explica todos os procedementos vinculados á presentación da declaración responsable ou licenzas e autorizacións, seguros de responsabilidade civil, entradas e abonos ou rexistro de empresas e establecementos vinculados ao sector. Outros asuntos detallados no texto teñen que ver cos requisitos canto a plans de autoprotección, asistencia sanitaria, dereito de admisión, dispositivos de vixilancia, aseos en espazos abertos ao público e instalacións portátiles e desmontables e atraccións itinerantes de feira. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/04/2023