O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a modificación das bases da convocatoria de axudas para actuacións de embelecemento no litoral galego

O obxectivo principal destas axudas é fomentar actuacións de rehabilitación de espazos singulares, promover accións que contribúan a unha maior integración coa paisaxe e respecto dos valores ambientais, a dixitalización de recursos con potencial turístico, así como a mellora da fachada turística e a corrección de impactos paisaxísticos en zonas costeiras


Este proxecto conta cun crédito de 6.550.000 euros, distinguíndose dúas liñas de axuda, unha dirixida a concellos, cun importe de 4.475.000 euros, e outra dirixida a establecementos turísticos, cun importe de 2.075.000 euros


Esta resolución entrará en vigor a partir de mañá que ademais amplía o prazo de solicitudes un mes máis
 

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que modifica as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para actuacións de embelecemento do litoral galego, por un importe de 6.550.000 euros.

 

As axudas están encadradas na Acción de Cohesión en Destino “Rehabilitación de recursos emblemáticos do litoral galego”, do Plan territorial de sustentabilidade turística litoral de Galicia. O obxectivo principal destas axudas é fomentar actuacións de rehabilitación de espazos singulares, promover accións que contribúan a unha maior integración coa paisaxe e respecto dos valores ambientais, a dixitalización de recursos con potencial turístico, así como a mellora da fachada turística e a corrección de impactos paisaxísticos en zonas costeiras, de xeito que contribúan ao embelecemento do litoral de Galicia e a un turismo sustentable.

 

Esta modificación inclúe que serán tamén actuacións subvencionables as que se realicen en vivendas turísticas. Tamén modifica o artigo que sinalaba que cada persoa interesada podería presentar como máximo unha solicitude de axuda por cada liña de acción. Dado que unha persoa interesada pode ser titular de varios establecementos turísticos, que con esta modificación nas bases pode presentar como máximo unha solicitude de axuda para cada establecemento en cada liña de acción.

 

Distínguense dúas liñas de axuda, unha dirixida a concellos, cun importe de 4.475.000 euros, e outra dirixida a establecementos turísticos, cun importe de 2.075.000 euros. As axudas a concellos do litoral galego divídense en tres liñas de actuación subvencionables: transición e ecolóxica, cun orzamento de 2.700.000 €, transición dixital, cun orzamento de 675.000 € e transición accesible e inclusiva , cun orzamento de 1.100.000 €. A liña de axudas dirixida a establecementos turísticos divídese en dúas liñas de actuación subvencionables: tecnoloxías ambientais, cun orzamento de 1.125.000 € e mellora da fachada turística do litoral, cun orzamento de 950.000 €.

 
 
 

Dado que estas modificacións se aplicarán a todas as persoas solicitantes desta convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes xa comezou o pasado 28 de marzo, esta ampliación permite que aquelas persoas que non presentasen a solicitude con anterioridade poidan formulala tendo en conta as modificacións efectuadas.

Data de actualización: 26/04/2023