A Xunta destaca o auxe da ocupación nos cámpings galegos que ofrecen un turismo tranquilo, de calidade e sostible

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na Xornada sobre “Inversión e innovación no mundo do cámping”, organizada polo Banco Sabadell e que tivo lugar na Cidade da Cultura

 

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2023

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o auxe da ocupación nos cámpings galegos que ofrecen un turismo tranquilo, de calidade e sostible. O ano pasado chegaron a máximos históricos, achegándose por primeira vez ás 1,1M noites.

 

Nava Castro participou hoxe na Xornada sobre “Inversión e innovación no mundo do cámping”, organizada polo Banco Sabadell e que tivo lugar na Cidade da Cultura, onde incidiu que este modelo turístico nos últimos anos está gañando cada vez máis adeptos.

Así, sinalou que Galicia é un paraíso para poder desfrutar dos máis de 151 cámpings porque ofrece un turismo tranquilo e non masificado en espazos abertos, así como tamén en contacto coa natureza que se adapta perfectamente ao modelo de turismo baseado na seguridade, a calidade e a sostibilidade.

“Este turismo seguro, de calidade e sostible que é o que máis se está a demandar trala pandemia é o que os turistas atopan en Galicia. Iso foi o que nos permitiu situar a Galicia en récords históricos de ocupación turística, logrando superar nun 40% as cifras do ano 2021”, rematou Nava Castro

Data de actualización: 25/04/2023