A Xunta recibe 9 ofertas para executar as obras da 2ª fase de humanización da avenida de Galicia en Teis, no concello de Vigo, que suporán un investimento de 4,1 M€

Intervirase nos 1,56 km da PO-323, desde o límite do termo municipal de Vigo co de Redondela ata o IES de Teis, completando a remodelación deste eixe vertebrador coas obras xa en execución da 1ª fase entre a avenida da Mariña Española ao instituto

A previsión é comezar as obras desta 2ª fase no outono, cun prazo de 14 meses

Esta nova actuación favorecerá a mobilidade interna da cidade, para o que se realizarán conexións coa trama urbana de beiravías existentes e con itinerarios alternativos como a vía verde
 

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2023

A Xunta recibiu 9 ofertas de empresas para executar as obras da 2ª fase do proxecto de humanización da avenida de Galicia, na parroquia de Teis, no concello de Vigo, que suporán un investimento de 4,1 M€.

Con esta actuación trátase de completar a remodelación deste eixo vertebrador da parroquia coas obras, xa iniciadas, da 1ª fase de humanización da PO-323, no treito de 500 metros que vai desde a avenida da Mariña Española ao IES de Teis.

En concreto, os traballos obxecto deste contrato, desta 2ª fase, centraranse na humanización do treito de 1,56 km desta vía autonómica, entre o límite municipal de Vigo co municipio de Redondela ata o IES de Teis. O obxectivo é reforzar a seguridade viaria, priorizando os peóns nesta vía de acceso á cidade con características urbanas.

 

A intervención busca fomentar a mobilidade segura e sostible, así como mellorar a mobilidade interna na cidade de Vigo, para o que se realizarán conexións coa trama urbana de beiravías existentes e con itinerarios alternativos, como a senda da vía verde.

A actuación incluirá a reposición de pavimento dos itinerarios existentes, a execución de zonas de aparcadoiros e a habilitación de pasos peonís sobreelevados nas interseccións que permitan a interconexión con outros itinerarios peonís. Nas zonas onde o espazo dispoñible o permite disporase arborado.

 

Non se prevén cambios sobre o trazado en planta, senón unha redistribución das seccións para habilitar itinerarios e os elementos funcionais, e tamén se mantén a rasante da estrada existente.

 

75 prazas máis de estacionamento

En canto aos novos aparcadoiros, está previsto dotar tres novas zonas cun total de 167 prazas, o que unido ás prazas que se conservarán nas marxes da estrada, implica que haberá 273 prazas no ámbito da obra. Así, gañaranse 75 prazas con respecto ás 198 actuais, un incremento do 38%.

 

Tras a análise das achegas recibidas, procederase a retranquear o saínte da vivenda no número 293 da avenida de Galicia, igualándoo coa aliñación da edificación contigua. Tamén se valorará a expropiación do terreo e a expropiación da parte da vivenda a demoler, e incluirase a reconstrución do resto da vivenda, dentro das obras que se van realizar.

 

Como resultado das alegacións, tamén se levará a cabo o reforzo da semaforización no acceso ao Colexio Público San Salvador e a mellora de instalación semafórica no cruzamento entre Baixada á Rotea e a avenida de Galicia.

A previsión é poder comezar as obras no outono, cun prazo de execución é de 14 meses.

A Xunta impulsa esta actuación ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneration-EU.

Data de actualización: 25/04/2023