A Xunta recibe 9 ofertas para executar un aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido na avenida de Breogán de Lugo, cun investimento de case 1,2 M€

O aparcadoiro emprazarase nunha zona estratéxica pola súa situación entre as estradas nacionais N-VI e N-540, ademais de pola súa proximidade ao Barrio da Residencia
 

As obras comezaranse despois do verán e contan cun prazo de execución de 10 meses
 

O estacionamento distribuirase nunha superficie de 5.700 m² cun total de 148 prazas, das que 4 se reservarán para vehículos adaptados á persoas con mobilidade reducida
 

Disporá dun acceso ao norte desde a rúa Barrio Casas e outro sur pola avenida de Breogán
 

Na actuación incluirase a renaturalización dunha canle que discorre parcialmente entubada pola parcela, a reconfiguración da rúa Barrio Casas, iluminación, videovixilancia e preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos
 

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2023

A Xunta recibiu nove ofertas de empresas para executar as obras dun aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, na avenida de Breogán, no concello de Lugo.

Este novo aparcadoiro, cuxas obras suporán un investimento que roldará os 1,2 M€, situarase na parcela anexa á citada avenida, estratéxica pola súa situación entre as estradas nacionais N-VI e N-540, ademais de pola súa proximidade ao novo polo de atracción que vai ser o Barrio da Residencia.
 

Este estacionamento disuasorio distribuirase nunha superficie de 5.700 m² que ofrecerá un total de 148 prazas, das cales 4 estarán reservadas para vehículos adaptados á persoas con mobilidade reducida.

En concreto, o novo aparcadoiro disporá dun dobre acceso: un ao norte, a través da rúa Barrio Casas, que busca dar servizo aos tráficos que teñen como orixe ou destino o interior da cidade de Lugo e máis concretamente o norte e leste; e outro acceso polo sur, con entrada e saída pola propia avenida de Breogán, pensado como entrada principal e destinado aos coches que teñen como orixe ou destino o exterior da cidade ou que van empregar o nó viario das estradas nacionais para acceder ás circunvalacións da cidade e ás vías de alta capacidade.
 
No seu interior, o aparcadoiro terá 3 eixes viarios, todos unidireccionais e con carrís de 6 metros para facilitar as manobras de entrada e saída nas prazas de estacionamento: un eixe principal de 70 metros que vai desde a avenida de Breogán ata a rúa Barrio Casas; un eixe perimetral e un eixe central que os conectará.
 
Ademais, a actuación permitirá renaturalizar a canle dun regato que discorre parcialmente entubada pola parcela e suporá, tamén, a reconfiguración da rúa Barrio Casas, acadando as condicións axeitadas na sección transversal.
 
A execución deste aparcadoiro completarase coa instalación de alumeado, videovixilancia, preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos e a incorporación de vexetación e arborado, que dotarán de sombra no aparcadoiro.
 

A previsión é comezar os traballos tras o verán, cun prazo de execución de 10 meses.

Esta actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Data de actualización: 25/04/2023