A Xunta inicia as obras de mellora do acceso desde a estrada autonómica AC-240 aos núcleos de Oca de Arriba e Oca de Abaixo, en Touro

A intervención supón un investimento de máis de 48.000 € e mellorará a seguridade no acceso a estes núcleos desde a marxe esquerda da vía, á altura da Maroxa, cun importante tránsito de maquinaria agrícola
 

Construiranse carrís de aceleración e deceleración cun ancho de 3,50 metros para cada un, de modo que se adecúen as velocidades dos vehículos que transitan pola AC-240

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2023

A Xunta comezou hoxe as obras que mellorarán o acceso desde a estrada autonómica AC-240 aos núcleos de Oca de Arriba e Oca de Abaixo, no concello de Touro.

Esta intervención, que supón un investimento de máis de 48.000 euros, céntrase na mellora da seguridade viaria no acceso a estes núcleos de Oca de Arriba e Oca de Abaixo desde a marxe esquerda da estrada, no punto quilométrico 5+490, á altura da Maroxa.
 
A intervención redundará tamén na mellora de accesibilidade e da seguridade debido ao elevado tránsito de maquinaria agrícola. En concreto, as obras consistirán en executar carrís de aceleración e deceleración, cun ancho de 3,50 metros para cada un, de modo que se adecúen as velocidades dos vehículos que transitan pola AC-240 e os que accedan á vía desde Oca de Arriba e Oca de Abaixo.
 
A construción do acceso non interferirá coa drenaxe superficial ou profunda da calzada, xa que se lle dará continuidade ao actual mediante un canlón de seguridade de formigón, coas arquetas intermedias necesarias e as bocas cubertas por reixas inclinadas

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/04/2023