O Polo de emprendemento Ourense Centro e Sur acollerá mañá unha xornada para identificar novas ideas de negocio con cinco empresas da contorna

Celebrarase unha sesión creativa con persoas emprendedoras para resolver retos concretos con firmas dos sectores agroalimentario, turístico, distribución e hostalería

O polo con sede en Verín presta asesoramento na actualidade a 31 proxectos
 

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Polo de emprendemento e apoio ao emprego Ourense Centro e Sur, organiza mañá unha xornada para identificar novas ideas de negocio con empresas e promover o espírito emprendedor na contorna.

Conectando o polo coas empresas da contorna, retos para o emprendemento é o nome da sesión que abrirá mañá ás 11,00 horas a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, na sede do Polo, emprazado en Verín. Será unha sesión creativa con persoas emprendedoras para resolver retos concretos con cinco empresas do territorio dos sectores agroalimentario, turístico, distribución e hostalaría, co obxectivo de identificar novas ideas de negocio e promocionar o espírito emprendedor.

Seguirase para iso un proceso áxil de Design Thinking e técnicas que promovan a creatividade dos participantes. As cinco empresas que participan son Comercial Fitoagraria, Patatas fritas Guays, O Retiro do Conde, Restaurante Novaiño e Serra do Larouco. O Polo Ourense Centro e Sur, con sede en Verín, presta na actualidade asesoramento a 31 proxectos empresariais: 20 atópanse en etapa emerxente; tres na fase Explorar; cinco na etapa Executar; e os outros tres en Expandir.

Esta oficina para fomentar a iniciativa empresarial, dinamizar o mercado de traballo e fixar emprego, atendendo as demandas do territorio, presta servizo a un total de 36 concellos da contorna. Neste espazo de dinamización e captación de proxectos, ofrécese, entre outros, servizos de información sobre oportunidades de emprendemento; asesoramento personalizado para cada territorio; espazos de traballo temporal e networking; captación de investimento e financiamento; e orientación e asesoramento e recursos físicos.

A provincia de Ourense conta na actualidade con dous polos en activo: ao de Ourense Centro e Sur súmase o de Miño Central que se atopa en O Carballiño, desde onde se presta servizo a 47 concellos das comarcas de Allariz- Maceda, Terra de Celanova, O Ribeiro, O Carballiño e Ourense.

Data de actualización: 25/04/2023