A Xunta inicia en Pontevedra unha programación de cursos de formación en prevención de riscos laborais no sector forestal

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán acollerá a partir de mañá unha acción formativa de carácter práctico centrada na gamificación, unha actuación que chegará a Mondoñedo a principios de maio
 

A programación chegará tamén nas vindeiras semanas aos concellos de Narón, Brión, O Vicedo, Mondoñedo, Lugo, O Barco de Valdeorras e Oia con cursos sobre o uso seguro da motoserra e a rozadoira
 

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2023

A Xunta inicia mañá en Pontevedra unha programación de cursos de formación en prevención de riscos laborais no sector forestal que se estenderá nas vindeiras semanas aos concellos de Narón e Brión, na provincia da Coruña; O Vicedo, Mondoñedo e Lugo, na lucense; ao Barco de Valdeorras, en Ourense; e a Oia, en Pontevedra.

A iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), deste xeito, arrancará no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, que acollerá dúas sesións dun curso sobre gamificación para avanzar na prevención de riscos laborais no sector forestal. A primeira terá lugar desde mañá e ata o próximo venres 28, de 9,00 horas a 14,00 horas. No mesmo horario celebrarase a segunda sesión, os días 10, 11 e 12 de maio. O IES San Rosendo de Mondoñedo tamén acollerá esta mesma actuación os días 9, 10 e 11 de maio, de 16,00 horas a 21,00 horas.

Trátase dos tres primeiros cursos dos seis que están programados sobre esta materia. É unha formación eminentemente práctica con 15 horas lectivas repartidas en tres xornadas e dirixida especificamente a alumnas e alumnos de Formación Profesional. Nas diferentes sesións farase uso de ferramentas e aplicacións das que xa dispón o Issga, por exemplo a App Alertas Issga, co propósito de influír de xeito positivo no comportamento das persoas durante o manexo de ferramentas e quipos de traballo empregados no sector forestal.

A programación continuará nas vindeiras semanas nas outras localidades, aínda que os cursos centraranse no uso seguro da motoserra e a rozadoira.

Esta actuación enmárcase no Plan formativo que o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral desenvolve cada ano para incidir na importancia da prevención de riscos laborais nos sectores produtivos con máis peso en Galicia.

Data de actualización: 25/04/2023