A conselleira do Mar participou na clausura do Foro Galicia de Sustentabilidade Global dos Produtos do Mar

Galicia pide que a revisión das zonas vetadas á pesca de fondo se realice co máximo rigor atendendo tamén aos aspectos socioeconómicos

A titular de Mar lamenta que o informe presentado a semana pasada polo Consello Internacional para a Exploración do Mar suporía ampliar as zonas acoutadas e semella repetir eivas pasadas como a ausencia de datos actualizados de todas as artes

Rosa Quintana subliña que non se poden meter todas as artes no mesmo saco e prexudicar a algunhas como o palangre de fondo, unha das máis selectivas e respectuosas co medio ambiente que existen

O Executivo galego advirte de que Europa se arrisca a perder a súa soberanía alimentaria e a depender das importacións de terceiros países con capturas realizadas por buques con prácticas menos respectuosas cos ecosistemas

Vigo, 24 de abril de 2023

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegurou hoxe que Galicia vai defender ante todas as instancias a necesidade de que a revisión das áreas vedadas á pesca de fondo desde o ano pasado por Bruxelas se faga co máximo rigor, tendo en conta tanto o eido medioambiental como o social e o económico. Fíxoo durante a clausura do Foro Galicia de Sustentabilidade Global dos Produtos do Mar, organizado pola Fundación Nueva Pescanova, onde lamentou a proposta presentada polos científicos a semana pasada que suporía ampliar as zonas acoutadas.

A titular de Mar lembrou que o informe presentado polo Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM) semella repetir as eivas da prohibición aplicada desde finais de 2022 pois só ten en conta os datos do arrastre -carecendo totalmente de información sobre artes moi selectivas como o palangre de fondo-, unha información que ademais é obsoleta pois a máis recente data do ano 2011.

A representante do Executivo galego subliñou que non se poden meter todas as artes de fondo no mesmo saco  -o palangre está afectado polo veto malia ser unha das artes máis selectivas e respectuosas co medio que existen- e puxo de relevo a importancia de que os informes biolóxicos vaian acompañados de estudos de impacto socioeconómico co obxectivo de que se protexan tanto os hábitats mariños como aos propios pescadores.

A conselleira asegurou que Galicia vai defender os intereses da frota ante todas as instancias, como vén facendo desde que se coñeceron os plans da Comisión Europea, para evitar novos danos á súa actividade pola ampliación dos vetos ou pola aplicación de medidas restritivas adicionais como os plans para eliminar a pesca de arrastre nas zonas mariñas protexidas antes de 2030.

Rosa Quintana lamentou que nun momento no que o sector se ve prexudicado por numerosas cuestións de alcance global -como a pandemia da covid-19, a crise loxística mundial, a guerra en Ucraína ou a espiral inflacionista- Bruxelas poña en marcha medidas que dificultan aínda máis a actividade do sector e complican que sexa rendible.

A titular de Mar, que estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, confiou en que finalmente impere a cordura e o Executivo comunitario reconduza o seu errático xeito de actuar para velar polos intereses dunha frota que é vital para garantir a soberanía alimentaria europea. Do contrario, dixo, o mercado comunitario dependerá das importacións de terceiros países e de capturas realizadas por buques con prácticas menos respectuosas co medio ambiente.

O encontro

O Foro Galicia de Sustentabilidade Global dos Recursos Pesqueiros está organizado pola Fundación Nueva Pescanova co apoio da Xunta de Galicia e Abanca e ten como obxectivo liderar desde Galicia o diálogo sobre a sustentabilidade dos produtos do mar a nivel internacional. Con esa finalidade, reuniu ao longo do día de hoxe a distintos expertos na materia que analizaron os desafíos, oportunidades, demandas e compromisos para acadar a sustentabilidade tanto desde o eido ambiental como desde o socioeconómico.

O foro contou con tres eixos temáticos -sustentabilidade e trazabilidade, axenda 2030 e finanzas sustentables- que se desenvolveron arredor de conferencias e mesas redondas con temáticas diversas incluíndo a participación de relatores de prestixio tanto nacionais como internacionais pertencentes a organizacións do complexo mar-industria ou a entidades como a Organización de Nacións Unidas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2023