A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, informan no CIFP Compostela sobre o remate do proceso

A Xunta resolve a integración de 1014 profesores técnicos de FP no corpo de secundaria

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta resolución, pola cal as persoas que cumpriron todas as esixencias se converten en profesores de Ensino Secundario

Galicia é a primeira Comunidade en resolver este proceso, convocado o pasado 9 de novembro, tras o problema creado coa lei estatal

Santiago de Compostela, 24 de abril A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, informaron esta mañá no Centro Integrado de FP Compostela sobre o remate do proceso de integración dos profesores técnicos no corpo de Secundaria, cuxa resolución publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Tal e como explicaron os representantes da Xunta, serán un total de 1014 os profesores técnicos de FP que se integren no corpo de profesores de Ensino Secundario, conforme ao proceso convocado o pasado 9 de novembro. Deste xeito Galicia é a primeira Comunidade en resolver esta integración, destinada ás persoas que cumprían as esixencias de titulación para esta conversión

Para facer efectiva a integración, ademais de contar coa titulación requirida, os solicitantes debían ser persoal funcionario de carreira do corpo de profesores técnicos de FP, ser titulares da especialidade na que se solicita a integración, ter destino definitivo ou encontrarse en expectativa de destino en Galicia e estar en situación de servizo activo, de servizos especiais ou en diferentes casos de excedencia (por coidado de familiares, por razón de violencia de xénero ou por razón de violencia terrorista), sempre que tivera o seu último destino en servizo activo en Galicia.

A desaparición do corpo de profesores técnicos de Formación Profesional foi decidida polo Ministerio na nova lei educativa estatal, que só abría a porta á integración no corpo de Secundaria aos que reunisen os requisitos de titulación. Con posterioridade, nun intento de emendar este erro advertido pola Xunta, a lei de FP creou un novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares de FP para un total de 10 especialidades ao marxe dos de Secundaria.

Efectos retroactivos

Unha vez publicado no Diario Oficial de Galicia, elevarase ao Ministerio de Educación y FP a relación de persoas a integrar no corpo de Secundaria, para a súa posterior publicación no Boletín Oficial do Estado.

A integración no corpo de Secundaria terá efectos retroactivos, con data de 19 de xaneiro de 2021, para aquelas persoas funcionarias que, con esa data, cumprisen as condicións nese momento. Para o persoal funcionario que só as cumprise con posterioridade, os efectos retrotraeranse ao momento en que se cumprisen.

Nos casos nos que o profesorado reunise os requisitos unha vez pechado o prazo de presentación de solicitudes deste procedemento, ou ben non solicitase a integración dentro deste prazo conferido, poderá solicitalo ata o 19 de xaneiro de 2026, cumprindo os mesmos requirimentos (titulación, estar en situación de servizo activo...), tal e como se estableceu na orde publicada no DOG o pasado 26 de xaneiro.

Data de actualización: 24/04/2023