Unha deseñadora galega retornada crea moda circular en Lugo apoiada pola Xunta

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron hoxe o obradoiro desta creadora retornada de Brasil que deseña coleccións que xa desfilaron na Fashion Week

A liña de Axudas ao Retorno Emprendedor, que este ano chega ata os 10.000 euros, continúa aberta ata o 29 de setembro

Lugo, 24 de abril de 2023 O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, coñeceron hoxe o proxecto empresarial dunha veciña deste concello retornada de Brasil que puxo en marcha a súa propia firma de moda grazas as axudas ao Retorno Emprendedor que acaban de convocarse fai uns días.   

Carolina Rodeiro de Farias retornou a Galicia grazas a unha bolsa de Excelencia Mocidade Exterior Beme para facer un máster na Universidade de Santiago de Compostela; posteriormente puxo en marcha o seu negocio en Lugo, solicitando unha axuda ao retorno emprendedor que se viu apoiada tanto pola axuda por covid posterior como pola iniciativa de mentorización Merlo que ofrece a Secretaría Xeral da Emigración.

Contou cunha axuda de 6.000 euros da Secretaría Xeral da Emigración a través do programa de Axudas ao Retornado Emprendedor  e outros 3.000 da liña covid que se aplicou con motivo de paliar os problemas económicos xurdidos a causa da pandemia. 

Carolina Rodeiro retornou de Brasil, aínda que os seus antepasados son de Verducido, no concello pontevedrés de A Lama. Optou por residir en Lugo onde puxo en marcha a súa firma de moda circular, Aoba Upcycling, coa que participou na Fashion Week de Madrid o pasado ano.

O secretario xeral destacou o labor desta artista “que foi seleccionada entre 80 solicitudes para mostrar a súa moda na pasarela madrileña, o que ven a demostrar que dende Galicia estase a facer un deseño de gran calidade. É unha honra que retornados coa súa experiencia e capacidade aposten por Galicia como o lugar onde vivir e onde emprender”.

As axudas para o Retorno Emprendedor parten dos 6.000 euros   (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 3.000 se se pon en marcha nun concello rural), podendo chegar así ata un total de 10.000 euros.

Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno á nosa Comunidade autónoma dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.

Trátase dunha das máis de 100 medidas activas da nova Estratexia Galicia Retorna, de carácter transversal e coordinada pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2023